Pedras floridas para Gabo

QUIQUE ALVARELLOS

SANTIAGO

EFE

García Márquez pisou Galicia por vez primeira en maio de 1983

16 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi o mellor piropo que quizais lle teñan botado a esta cidade. Relatouno un mes despois Domingo García-Sabell. O daquela delegado do Goberno de Felipe González actuaba de cicerone do premio Nobel colombiano Gabriel García Márquez (1927-2014), que visitaba Galicia, por vez primeira, naqueles días de inicios de maio de 1983. «¿Cómo es posible que florezcan las piedras?», preguntou abraiado Gabo (o diminutivo de Gabriel co que o escritor era coñecido na súa terra). García-Sabell di que eludiu una resposta ao uso, e contestou: «Porque estás en Compostela, Gabo. A tu abuela de Aracataca esto no le hubiera sorprendido lo más mínimo».

O propio García Márquez describiría así Compostela despois daquela viaxe que o traería a Santiago, á ría de Arousa e a Vigo: «En los muros intactos, la vegetación se abre paso por entre las grietas, en una lucha implacable por sobrevivir al olvido, y uno se encuentra a cada paso, como la cosa más natural del mundo, con el milagro de las piedras florecidas».

Un ano antes recibira o Nobel. Quixo vir a Galicia para desconectar de tanta frela post-premio, e pediu unha viaxe sen ruído mediático. Nada de xornalistas nin escritores. Só se coñecen un par de imaxes daquela estadía de tres días de maio en Galicia. A que publicamos aquí recolle o momento en que é recoñecido pola praza de Fonseca. Foi o 3 de maio de 1983. Xantou no Alameda; pernoctaba no Hotel Los Tilos de Teo e procuraba pasar o máis desapercibido posible.

Galicia levaba turrando del moitos anos e nunca ata agora viñera. Conta Carlos Reigosa en A Galicia máxica de García Márquez (Xunta de Galicia, 2008; logo reeditado en Xerais, 2013) que unha tataravoa do escritor, Josefa Vidal, era de Ourense. Gabo sempre falou dunha «avoa galega» como recurso literario, esa que «aparecía» sempre no xeito de contar as historias, pero chegaría a ser real ese devanceiro ourensán.

Con Galicia uníalle e uniríalle moito. Cómpre só lembrar un dato: o editor coruñés Francisco Porrúa, falecido hai só un par de anos, sería o artífice da publicación de Cien años de soledad (Editorial Sudamericana, 1968), un libro que, daquela ?e incomprensiblemente aos ollos de hoxe? ninguén quería editar.

«Gabo se fue de Compostela emocionado y deslumbrado», relata de novo Domingo García-Sabell. O Nobel publicou un artigo antolóxico a semana seguinte da súa visita. Titulouno: Viendo llover en Galicia (El País, 11 de maio de 1983). Unha peza literaria á altura dos seus mellores traballos onde demostra a fondísima pegada que a nosa cidade deixaría nel.

editor@alvarellos.info