Os concello apúntase ao galego con Apego

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

As familias con nenos de ata seis anos teñen actividades propias ata decembro

17 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A crianza con apego, na que os nenos manteñen un vínculo especialmente forte, e sobre todo coa nai, ten o seu paralelismo coa lingua galega no caso do programa que co mesmo nome de Apego promoven os servizos de Normalización Lingüística. Este proxecto ten como principal referencia o uso do galego como lingua da familia antes de que chegue un novo membro grazas a un programa específico que arranca cunha especial caixa de benvida e unha morea de actividades e propostas para nenos de ata seis anos, xunto a material educativo, agasallos como un albume de fotos con textos en galego, un boneco que semella un polbo e ata unha xirafa como cinta métrica.

O Concello de Ames, xunto cos de Santiago, Teo, Negreira e A Baña, participa neste programa que comezou o ano pasado e que onte foi presentado en Bertamiráns polo Concello e o seu servizo de Normalización Lingüística.

Isabel Vaquero, concelleira encargada deste departamento, destacou a implicación de todas as áreas do goberno amesán no uso e fomento do galego. En referencia ao proxecto Apego, Vaquero sinalou que «se algo levamos aprendido é que simplemente aprender a lingua na escola non chega para preservala».

Rosa Moreiras, responsable técnica do servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, salientou que a finalidade de Apego é apostar polo galego «como lingua inicial na que nos asomamos ao mundo desde Ames. Apego é tamén transmitir un arraigo e un dereito a coñecer e usar a lingua propia desde o nacemento para máis adiante ter competencia plena en galego para decidir ou escoller en que lingua se queren expresar libremente». A partir da presentación de onte, o servizo de Normalización Lingüística manterá entrevistas persoais con todas as familias que xa están inscritas no programa, no que se pode participar cunha simple solicitude na web apego.gal.

Usos para toda a familia

A caixa de Apego inclúe información para as familias, con datos sobre os dereitos laborais de nais e pais, unha lista de nomes en galego e ata adhesivos para colocar no vehículo coa mensaxe de «Sentidiño, hai nenos». En paralelo, o Concello de Ames conta cunha programación específica de Apego ata o mes de decembro con sesións de monicreques (a partir de 5 anos), actividades nas hortas urbanas de Bertamiráns (nenos de 3 a 6 anos), contacontos nas bibliotecas (de 3 a 8 anos), teatro (a partir de 5 anos) e sesións de contacto coa natureza (nenos de 0 a 2 anos). Para estas actividades as familias teñen que formalizar unha inscrición previa no Concello.