Luar na Lubre conquistou ao público da Noite Folk

emilio forján NEGREIRA / LA VOZ

SANTIAGO

forxán

A voz de Paula Rey e o violín de Antía Ameijeiras, as dúas últimas fichaxes de Bieito Romero, foron outros atractivos do concerto

22 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A lúa chea de agosto foi testemuña da decimo cuarta Noite Folk, celebrada na área recreativa de Cobas, a carón do río Barcala, nunha paraxe que o propio Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, loubou, aínda facendo referencias á friaxe típica das noites de agosto durante unha actuación de máis dunha hora na que soaron os clásicos como O son do ar, Ven bailar Carmiña, Chove en Compostela ou Camariñas, peza que puxo o remate, xunto a outros novos temas do seu último traballo Extra Mundi, como La Molinera.

A voz de Paula Rey e os acordes ao violín de Antía Ameijeiras, natural de Baio, as dúas últimas fichaxes de Luar na Lubre, foron outros dos atractivos do concerto que conquistou a centos de persoas para bailar e cantar algunhas das pezas máis representativas dos trinta anos de traxectoria da formación liderada polo gaiteiro Bieito Romero.

Foi unha Noite Folk que abriron maxistralmente os noieses Queicoa, e que pecharon Pepe Vaamonde Grupo, a banda liderada polo gaiteiro Pepe Vaamonde e mailo guitarrista Pipo Alvariño, co seu directo contundente e moitos temas do seu último traballo, Nas pedras do lar, cos que fixeron bailar ao público na noite do sábado ao domingo.