A nosa mellor «pokeparada»

Brais Capelán SESIÓN VERMÚ

SANTIAGO

30 jul 2016 . Actualizado a las 14:44 h.

Sigo sen quitar da cabeza a imaxe de miles de persoas na praza de Sol en Madrid xogando cos seus móbiles ao popular Pokémon Go. Podería tratarse unha manifestación ou concentración pola perda de dereitos, pero non. O obxectivo era capturar «pokémons». Eu, que vivín a época dourada de Pikachu e compañía, non acabo de asimilar este tipo de usos dos lugares públicos. Por sorte, aquí as prazas teñen outros cometidos. E temos o mellor exemplo na Quintana, definida por Paul Daniel (director británico da Real Filharmonía) como «un auditorio construido en piedra».

Iso foi o céntrico lugar compostelán durante as últimas semanas: o mellor auditorio da cidade. Pola praza pasaron artistas de todos os xéneros y nacionalidades. Non se coleccionaron «pokémons» (aínda que si que se viu a xente xogando polo casco históricos estes días). O que se coleccionou na Quintana foi sobre todo experiencias e, como non, concertos inesquecibles. Comezando por grupos de rock da terra como Terbutalina ou Familia Caamagno, pasando pola mellor música tradicional no Certame Folk e rematando con relevantes artistas internacionais. Dandy Warhols, Molotov Jukebox, Nneka, Charles Bradley, Mo Rodgers... A listaxe de convidados foi longa e haberá que engadir estes días outros nomes como o de Roi Casal ou Carlos Blanco. A Quintana foi polo Apóstolo lugar de peregrinación para moitos amantes do mellor soul, reggae, rock, pop ou rap. Esperemos que nos seguintes anos poidamos seguir presumindo de ir de concertos, e non a «pokequedadas».