«Fun a Allariz a aprender galego e dende entón fascíname esta cultura»

sara p. seijo, s.l. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

álvaro ballesteros< / span>

Maria Boguszewicz investiga sobre os vínculos da cultura galega coa súa, a polaca

21 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten unha voz doce e unha melena non lle chega aos ombros. É polaca de nacemento, mais fala galego case coma se fora da casa. Chámase Maria Boguszewicz e a súa «fascinación» pola cultura de Galicia levouna a dirixir, dende o 2014, o Centro de Estudos Galegos da Universidade de Varsovia. O seu interese polo territorio ven de lonxe, cando pensaba o tema da súa tese. A asistencia a un curso de galego en Allariz deulle un xiro ás súas inquedanzas profesionais: dende entón indaga sobre as conexións entre a cultura galega e a súa, a polaca. Onte regresou á comunidade, onde impartiu a conferencia Máis alá das dúas Galicia: os estudos galegos en Polonia, dirixida ao alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas: Galego sen fronteiras.

-¿Por que se di que os galegos e os polacos enténdense ben?

- É un misterio que intento adiviñar. Galicia e Polonia aparentemente non teñen nada que ver, pero durante séculos diversos artistas e escritores as conectaron dalgún xeito. Quizais o interese comezou a fins do século XVIII, cando Polonia desapareceu do mapa a consecuencia do reparto do territorio entre Rusia, Prusia e Austria. Durante ese tempo houbo levantamentos porque a nación polaca non aceptaba esa situación e a nosa elite cultural exiliouse a París, onde se constituíu unha capital da cultura polaca no exilio. Isto resultoulles moi interesante aos escritores e artistas españois, especialmente ao galegos, porque nese momento loitaban pola independencia e recoñecemento do seu territorio. De aí que Eduardo Pondal escribira o poema ¡Desperta Polska! ou Otero Predayo describira a un emigrante polaco na novela Os camiños da vida.

-En Polonia existe outra Galicia.

-Ese é o factor que máis salta a vista nas conexións coa Galicia española. De feito, moitas veces confundíanse e confúndense ambas, polo que podemos supoñer que este é o primeiro interese por intentar descubrir o que nos conecta. Ademais, aínda non hai consenso nos seus nomes. Algúns apostan por escribir Galitzia, mais outros Galicia como se fora a española. Pero creo que habería que establecer unha norma para diferencialas correctamente e evitar confusións.

-¿Foi a dualidade a que motivou a súa conferencia?

-Actualmente os estudos galegos en Polonia están en auxe e quería preguntarlle ao público a razón disto. Normalmente a resposta xira en torno as dúas Galicias, pero iso só e o principio. Hai que afondar en Eduardo Pondal, Otero Pedrayo, Sofía Casanova, Jerzy Janiszewski ou Francisco Remiseiro, embaixadores das súas respectivas culturas, galega ou polaca.

-Fala moi ben o galego.

-Aprendino fará uns dez anos nos cursos de verán de galego da Universidade de Vigo. Agora lle teño moito afecto á cultura e xente galegas, aínda que confeso que isto foi unha casualidade. Cando comecei a miña tese tiña outro tema, pero a miña titora díxome que debería ir a España para facer algo orixinal. E cando saín do seu despacho, literalmente, vin o cartel dos cursos e apunteime. Foron en Allariz e alí coñecín a Xan Leira. Creo que o seu modo de falar de Rosalía de Castro foi o causante da miña fascinación pola cultura galega.

-¿Seguirá indagando sobre Galicia?

-Ás veces pregúntome se é unha boa decisión ou se debería saír do ámbito galego, pero non podo. Aínda quedan moitas cousas que hai que investigar.

Maria Boguszewicz. É a responsable do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Varsovia dende o 2014, onde investiga en compañía de expertos polacos e galegos.

Dúas Galicias. A investigadora resalta a coincidencia existente entre Polonia e España, e a subliña como o principal factor que desata o interese por atopar vínculos que unan ambas culturas.