A Fundación Rosalía de Castro conmemora o 131 aniversario
do pasamento da escritora

La Voz

SANTIAGO

O acto é aberto ao público e rematará coa actuación musical de Xardín Desordenado

14 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Rosalía de Castro de Padrón conmemora mañá, 15 de xullo, o 131 aniversario do pasamento da escritora, cun acto na casa-museo de A Matanza que comeza as oito da tarde e no que tamén se lembrará o 121 aniversario do traslado dos restos da autora ao Panteón de Galegos Ilustres. O acto contará con relatorios, lectura de poemas e música. Tamén se presentará o libro do IV Premio de Poesía Escolar Rosalía de Castro, titulado Quéimase todo o escrito e se lle dará a benvida ao cadro Árbore do monte de Ovidio Murguía. A Fundación tamén fará entrega da primeira distinción Rosa de Galicia a Loliña Mosquera.

Trátase, segundo explicou onte o presidente da institución cultural de Padrón, Anxo Angueira, dunha distinción que se entregará as persoas ou entidades que se significaron por contribuír a defensa e a difusión da figura e da obra de Rosalía de Castro ou da súa fundación.

Este ano a persoa elixida é Loliña Mosquera, a filla de Xosé Mosquera, quen foi «figura fundamental» na compra do inmoble que hoxe é a Casa de Rosalía, segundo lembrou onte Anxo Angueira. Tamén se recoñece a doazón a fundación padronesa do «valiosísimo» arquivo do galeguista, do que veñen de cumprirse 50 anos do seu pasamento. A distinción Rosa de Galicia é un deseño en ouro de Pepe Barro.

O acto de mañá é aberto ao público e rematará coa actuación musical de Xardín Desordenado.