«Todo é orixinal no espectáculo, ata o vestiario veu de Xordania»

La Voz

SANTIAGO

Manuel Fiestas Moreno

Representa o monólogo «Manar: a derradeira caravana», durante o que tamén baila danza árabe

01 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

20.00 horas?•?Fundación SGAE?•?10 euros?•?A compañía Teatro Proscrito presenta hoxe en Santiago o seu espectáculo Manar: a derradeira caravana. Trátase dun monólogo dunha muller árabe que tenta sobrevivir nun campo de refuxiados sirio, con Sabela Hermida como actriz protagonista.

?Un monólogo no que, ademais de interpretar, baila...

?Trátase da rememoración das vivencias dunha muller árabe desde un campo de refuxiados. Entón, aproveitando que, ademais de actriz, levo moitos anos no baile e fago danza oriental, decidimos poñer a base para incluír diferentes danzas orientais. Por iso, contamos con música en directo e collemos o laudista Hames Bitar, que é sirio, e o percusionista Luís Taberna, que me acompañan en certos momentos do texto e nas transicións deste personaxe a través da danza árabe. É un monólogo un pouco atípico. Ademais, ten a cousa bonita de que todo é orixinal para este espectáculo: o texto, orixinal de Lino Braxe, o director; hai unhas proxeccións duns acrílicos simbólicos, que pintou tamén Lino; a composición musical é dos músicos, tamén creada para este espectáculo; e as danzas son feitas por min; a escenografía... De feito, tanto o vestiario como moitos elementos, son directamente traídos de Xordania, porque a nosa axudante de dirección é filóloga árabe e viviu en Amán. O obxectivo é que sexa o máis realista posible, xa que o tema é actual e queríamos ser bastante fieis tanto no texto como en todo a realidade do mundo árabe, que é bastante descoñecida.

?¿Tivera antes que enfrontarse a un espectáculo destas características?

?Algo máis complicado: fixen á par outro espectáculo, que é poesía teatralizada. Sen embargo, os textos poéticos son máis curtos e vas pasando dun a outro, pero este monólogo é moi complexo porque pasa dos recordos máis fermosos ás cuestións máis duras, é como un tsunami de emocións esta muller. Da alegría da infancia á chegada da guerra, a unha irmá terrorista que ten... Queríamos retratar a realidade do mundo árabe a través dunha vida longa dunha muller, que remata nun campo de refuxiados.

?¿Como definiría a Manar, a protagonista do monólogo?

?É unha muller que, sendo crente, lle gusta a vida, a liberdade. É unha mestra, que adora a súa profesión, que loita por ser igual que os homes, pero ten a súa fe e, por suposto, denuncia todos os extremismos que se poden cometer en nome da súa relixión.

?Aborda un tema que está de actualidade agora mesmo, o dos refuxiados...

?Quero deixalo claro, porque parece que é oportunismo, este texto Lino escribiuno fai dez años. Eu dicíalle: «Como me gustaría protagonizar un texto onde puidera desenvolver as miñas dúas facetas, pero bailando dende o personaxe». Entón, recuperouno e dixo: «Ten que facelo Sabela». A decisión foi moito antes desta crise dos refuxiados. Despois, fixemos unha adaptación dese texto e reactualizámolo.

?Estiveron en Madrid con este espectáculo, ¿cales son os plans agora?

?Estivemos case dous meses en Madrid e agora temos varias actuacións novas tamén alí, en Granada e vou a Vigo no mes de setembro. Tivemos unha boa acollida de público e, claro, fóra de Galicia adaptámolo o castelán.