Pavimentos

X. Amancio Liñares Giraut O FIADEIRO

SANTIAGO

29 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Anos atrás moitas rúas e prazas do centro de Madrid soportaban obras, mudando o seu pavimento. Daquela chamárame a atención que Atocha, o Paseo del Prado, a Carrera de San Jerónimo, Cibeles, Recoletos, Alcalá, Serrano... amoreaban palés con grandes placas cadradas de granito, resgardadas por plásticos duros, listas para seren colocadas na chaira. E nas etiquetas distintivas repetíase o nome da mesma empresa: Granilouro. Busquei e atopei na Rede, resolvendo dúbidas: unha factoría multinacional de Salceda de Caselas, punteira no sector. Varios ferrados da capital do Estado estaban sendo alfombradas con laxes galegas, dos montes do Porriño. Os madrileños e foráneos pousan os pés encol do noso granito patrio, incluso diante do Congreso dos Deputados. Non son aquelas tan valiosas coma as lousas vedrañas da Compostela monumental, pero Granilouro deulles hábil solución ás beirarrúas chulapas. Coa ampla remuda de materiais a firma galega debeu facer un bo negocio.

Agora retornei alí, para asistir ó IV encontro bianual de profesorado de Historia no Museo del Prado, nunha actividade nada no 2010. Esas áreas urbanas protexidas coa rocha potente de Granitos do Louro xa foron pisadas por millóns de persoas, cans, gatos e paxaros cun resultado xeitoso. Manteñen un aspecto sólido e coidado, a pesar das abondosas gomas de mascar -onde xacen tantos ADN anónimos- e doutros lixos miúdos que as estragan. A pedra de gran anexada tamén forma parte, pois, do lobby de poder galego en Madrid, inda que sexa a rentes do chan.