Xaquín

X. Amancio Liñares Giraut O FIADEIRO

SANTIAGO

12 feb 2016 . Actualizado a las 20:49 h.

Aarquidiocese de Santiago perdeu un crego benemérito. Finou Xaquín Gómez Barros (1932?2016), e acougou na súa vila natal de Cuntis o mércores de cinza, no abrente coresmal. R.I.P.

A festa do seu 80.º aniversario, no outono de 2012, fora un encontro de irmandade, nunha casa con tanto significado para el: o Seminario Maior compostelán. Cantou Misa en 1961 e exerceu despois como coadxutor, párroco, consiliario, mestre... A prensa salientara esta frase súa: «Ser cura é un fermoso xeito de ser feliz». E dicía que levaba máis de sesenta anos na mesma empresa. Foi vocación e entrega total a unha Igrexa a quen lle esixía máis pulso evanxélico, pola que tanto padeceu e á que tanto amou.

Aprendeunos unha pedagoxía liberadora, baseada nos piares «ver, xulgar e actuar», na mellor lección da Acción Católica, que o levou ó compromiso coa mocidade e á atención cimeira ó medio rural (XARC). «Traballar coa xuventude é estar comezando sempre». Ideas e feitos legados con paixón e humor polo noso prezado Xaquín. Temos partillado momentos fulcrais con este guieiro da Mocidade Rural Cristiá, co cura galeguista que puxo a súa vida á beira de moitas xentes e causas xustas. Co espírito anovador do Concilio Vaticano II, na busca dun mundo máis xusto e mellor. Non esquecemos tampouco o seu artigo O crego na Galicia rural, no libro A Galicia rural na encrucillada (1975).

Nas derradeiras visitas hospitalarias xa non puido contarme contos novos. Pero despediume cun sorriso amable e fraterno que nunca esquecerei.