Furado, focho, fochanca...

SANTIAGO

03 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata 2.400 baches tiña contabilizado o Concello en setembro do ano pasado, maioritariamente no rural, onde tamén se priorizou a atención reparadora do último trimestre do 2015. De feito, esa primeira fase da campaña de loita contra a fochanca que se ía retomar neste primeiro trimestre do 2016 xa dera conta do 60 % dos buracos. Pero ese era un reconto e unha intervención repoñedora previa ás últimas chuvias fortes, que acabaron por incrementar, e de forma máis que notable, ese mosaico de socavóns, fochancas, buratos, depresións, furados, fochos..., que fan da condución en Santiago unha auténtica proba de obstáculos, cos seus riscos. ¿Por onde andarán agora esas contas? Quizais nin o Concello o saiba, pero xa case dispor do dato é o de menos. O problema está tan á vista que sobran cifras para evidenciar a súa dimensión. Pero a cuestión das fochancas en Compostela ten unha dimensión máis profunda da que amosan as fendas asfálticas: A cicatería coa que o Concello veu programando tradicionalmente as actuacións bacheadoras e a falta dun plan que, ao tempo que atende ás fochancas, asuma a renovación daqueles viais onde o seu firme xa non admite apaños. E tamén a falta de planificación para ter as rúas dispostas para afrontar o inverno, o que require actuar antes. Porque en Santiago chove. Compostela Aberta duplicará a contía para este ano, ata situala nun millón de euros. Pero aínda así é pouco. Sábeo o goberno, que fala de dous anos para pór ao día a cidade nese senso. Cadrar as contas con recursos limitados nunca é doado, pero a escaseza obriga a coñecer ben as necesidades e a priorizar.