«Escribir unha novela era algo así como un reto persoal para min»

SANTIAGO

Presentou en Santiago «Agosto de memoria e morte», o seu debut literario

09 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O político e economista Xaquín Fernández de Leiceaga decidiu «dar o salto, de consumidor a produtor de literatura» e descóbrese como novelista con Agosto de memoria e morte (Xerais), unha publicación que presentou na cidade onde gobernou da man do alcalde Sánchez Bugallo.

-¿De qué fala «Agosto de memoria e morte»?

-É unha novela de xénero policíaca, onde hai crimes. Conta a historia dun grupo de rapaces e a súa evolución dende a etapa da República ata o final do franquismo. Nesa evolución, se producen diferenzas entre eles e aparece un asasinato entremedias que un investigador novel ten que resolver durante o mes de agosto de 1974.

-¿Como xorde este proxecto de escribir unha novela?

-A novela está escrita dende hai uns tres anos, máis ou menos. Aínda que se publica agora, empecei a escribila nese momento. Non foi por nada en especial. Simplemente tiña algo de tempo. Gústame a literatura e, nun momento dado, decidín dalo salto ao outro lado e, en vez de ser consumidor, ser produtor de literatura. Escribir unha novela era algo así como un reto persoal para min.

-¿Poderíase dicir, entón, que este libro é o que, nun momento dado, quixo que alguén houbera escrito para poder lelo?

-Digamos que era unha historia que me roldaba a cabeza. E decidín darlle forma, e tentar saber como é o feito de escribir. Eu xa sabía o que era dende o ensaio e dende a literatura máis académica e máis profesional, pero non dende a literatura creativa, que ten a súa liberdade, sen embargo tamén ten os seus códigos e as súas regras que hai que seguir para que o relato funcione.

-É unha novela policíaca, pero ao mesmo tempo ten un trasfondo histórico que se retrotrae á República e ao franquismo, unha etapa que, parece, segue dando moito de si...

-Así é. Non tanto para a miña xeración, pero si para a dos meus pais ou incluso para a dos meus avós, foi unha etapa central. A República foi un momento onde todas as portas estaban abertas e despois pasou todo a pecharse moitísimo e houbo mesmo unha guerra civil, que sempre é un fenómeno moi marcante, porque significa pelexar contra os que están ao teu lado, entre os veciños. Por suposto, creo que foi un momento que segue pesando hoxe. Para a miña xeración, o momento fundacional foi a Transición, dado que foi unha forma de pechar -aínda que seguramente non completamente- as feridas abertas na República e na Guerra Civil. Dalgunha maneira se completa un ciclo e a novela chega xusto ata aí, ata o momento no que a Transición está no horizonte, pero aínda non está presente porque o ditador está vivo.

-¿Hai algún indicio ideolóxico na novela ou, como os científicos, tomou un punto de vista distante?

-Eu creo que non hai unha cuestión ideolóxica. Realmente a novela escribe a historia dos vencedores, pero non o fai dende o punto de vista dos vencedores, senón dende un punto de vista distanciado. É, fundamentalmente, o do policía. E está, por outra parte, a perspectiva do asasino, que xulga duramente o comportamento dos vencedores. Está situado naqueles que se incorporaron ás filas franquistas dende os primeiros anos e desfrutaron durante corenta anos dos éxitos, militares e políticos, que tivo o franquismo durante todo ese tempo, pero cunha perspectiva crítica con todo iso.

-¿Fuxiu, logo, da novela de parte?

-Eu intentei que non fóra unha novela de parte, senón que as personaxes foran de corpo enteiro, digamos, coas súas luces e as súas sombras. Nese sentido, non hai ninguén a quen odiar na novela pero, seguramente, tampouco hai ninguén a quen admirar. Hai personaxes máis positivos e outros menos. Igual que o investigador, a pesar de ser policía no franquismo, aínda que moi no final, tamén é un policía atípico nese momento.

-E, tras este, ¿ten algún outro proxecto literario entre mans?

-Imos ver, primeiro, se este funciona ben. Eu espero que si. E non descarto, seguramente o ano que vén, dedicarlle algúns meses a facer algunha outra incursión. Teño algunha cousa na cabeza pero o que non teño, nestes momentos, é tempo.

Xaquín Fernández Leiceaga político e economista