«Recuperar o Camiño é o gran éxito de Santiago no século XX»

SANTIAGO

A Rubén Lois gústalle pasear polas cidades, pero en Santiago elixe a Alameda ou Bonaval.
A Rubén Lois gústalle pasear polas cidades, pero en Santiago elixe a Alameda ou Bonaval. marta ferreiro< / span>

Ex director de Turismo, asegura que non debe haber políticos profesionais

10 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que é de Palas de Rei e ata os 14 anos non chegou a Santiago, a Rubén Lois (Palas, 1961), Compostela sempre lle quedou preto. Porque desde que naceu, nunha localidade pola que pasa o Camiño Francés, «teño lembranza de camiñantes pasando, no 1965, 67...». Eran menos, e mesmo algún bar da zona chegaba a cobrarlles por darlles un vaso de auga, pero xa estaba presenta a capital de Galicia. «Na miña casa lembran que o meu bisavó, que era tratante, viña na Ascensión e no Apóstolo andando aquí á feira da Susana», di.

Finalmente os seus pais, mestres, viñeron a Santiago sabendo que aquí había universidade. Chegou con 14 e estudou no instituto Xelmírez, o masculino, que estaba en San Caetano, «aínda que como as rapazas non cabían todas no Rosalía, o feminino, mandaban para o noso, así que era un instituto masculino cunha pequena porcentaxe de mulleres». Ten a lembranza dun instituto «cuns profesores moi bos, e un ambiente no que se falaba de cultura, literatura... Cando miro agora o que fan o Rosalía e o Xelmírez lémbranme a aquel tempo, a ese estilo de institutos de cidade que son como centros da cultura».

Aínda así, botaba de menos Palas, porque alí campaba ao seu aire, «e claro, ao vir a unha cidade estás máis controlado». Outra anécdota que recorda da súa nenez é que vivía na zona nova, en Santiago de Chile, unha rúa considerada do extra radio para o resto, «cando dicía no instituto que vivía alí ninguén sabía onde quedaba. Todo o mundo era de Basquiños, o Hospitalillo, Home Santo, a rúa do Vilar...».

Sempre quixo ser xeógrafo, aínda que lle tirou a filosofía e tamén é un bo afeccionado á literatura e ao cine. «Na miña casa tiveron un bo criterio, e é que na paga que me daban non contaban nin os libros nin o cine. Acórdome de perderme polas librarías». Sempre lle gustou viaxar, saber o que pasa nas cidades e a xeopolítica, aínda que se dedica á xeografía urbana. «No meu caso a carreira foi totalmente vocacional. Na facultade sempre me dicían: Sabiamos que ías estudar xeografía porque cando che preguntaban polo Nepal ou por calquera país, sempre sabías deles». Porque daquela, Xeografía estudábase na mesma carreira que Historia e Arte, dúas especialidades das que tamén ten bos recordos polos bos profesores que tivo.

Director xeral de Turismo co goberno bipartito, asegura que asumir un cargo público de responsabilidade ten moitas cousas boas, «porque aprendes a xestionar, e xestionar o público ten un aliciente máis. Pero iso non pode ser a túa vida. Tes que ter unha profesión, e de cando en vez non está nada mal ter unha responsabilidade durante uns anos, pero o problema é que non debe haber políticos profesionais», pensa.

Catedrático de xeografía experto en turismo de cascos históricos e en xestión de centros urbanos, Compostela é un laboratorio en si mesmo. De Santiago di que houbo dous grandes acertos, a xestión urbana da cidade e a Ruta Xacobea. «Recuperar o Camiño para min é o gran éxito de Santiago no século XX. Que en Europa occidental e nunha sociedade non relixiosa se recupere unha peregrinación cristiá medieval é un éxito indiscutible». É descubrir -engade Lois- que a xente ten ganas de camiñar, de moverse lentamente e de ter tempo para pensar.

Compostelanos en su rincón Rubén Lois González

Rubén Camilo Lois González.

Catedrático de Xeografía na USC.