Agosto de concertos «feitos a man»

l. martínez

SANTIAGO

Oxford University Ceilidh Band nun dos concertos do Feito a Man do ano pasado.
Oxford University Ceilidh Band nun dos concertos do Feito a Man do ano pasado. ESTRELA ALONSO< / span>

A asociación Cidade Vella programa máis de 60 actuacións gratuítas nas rúas e prazas do centro histórico santiagués

30 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de sesenta actuacións forman o cartel da nova edición dun dos festivais clásicos do verán santiagués, o Feito a Man. O evento, organizado polos trece locais que forman a Asociación Cultural Cidade Vella, encherá durante o mes de agosto as rúas e prazas de Compostela con ritmos chegados dende todos os recunchos do globo.

Para os seus organizadores, esta décimo terceira trátase dunha edición moi simbólica, xa que o festival «pasa a ser o inicio dunha nova e esperanzadora etapa da cultura nesta cidade, logo dun tempo no que non se puido desenvolver con naturalidade».

Feito a Man nútrese de artistas emerxentes e consolidados de referencia local e internacional, buscando sempre sons mestizos e que supoñen a creación de novas tendencias. Jazz, rock, blues, soul, reggae, todos os estilos teñen cabida nesta cita multicultural na que, ademais da música, se incorporan outras disciplinas artísticas como o cabaret, o baile e o humor.

O concerto do cantante e guitarrista compostelán Adrián Costa na rúa das Rodas será o primeiro de todo un maratón de actuacións gratuítas, entre as que destacan a da agrupación india Barmer Boys. O trío, que continúa a tradición dos sons seculares de Manganiyars, é un destacado exemplo da música sufí no seu país. Actuarán por partida dobre, o martes na Vía Sacra e o mércores na praza Cervantes.

O espectáculo Ultranoite no País dos Soviets, da compañía Chévere, pechará na Quintana o festival nunha «noite na que o humor vai ser unha arma de construción masiva» a prol da cultura. Esta cita, que será a única de pago no Feito a Man, terá un custe de 12 euros.