«Debemos dimensionar o Consorcio ás necesidades da cidade»

La Voz

SANTIAGO

12 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Noriega pretende fixar un relato de cidade que defina novos horizontes para Compostela.

-Quere recuperar o relato de cidade dos anos 90. Explíquese.

-Trátase de ter un guión escrito a moitas mans entendendo que o Concello ten que ser motor dese guión pero participado con diferentes sectores da cidade e que permita irnos a medio prazo, deseñar que cidade queremos, obxectivos, no social, ¿por que infraestruturas queremos pelexar...? Non ten que ser mimético cos anos noventa. A sensación é que nos últimos anos, sobre todo aceleradamente nos últimos catro, ese relato se perdeu. Santiago non só perdeu horizonte, senón a velocidade que levaba no seu desenvolvemento e dalgunha maneira quedamos descolgados dun ritmo colectivo. Hai moitas cousas pero hai que definilas.

-Nese relato foi esencial o Real Padroado. ¿Nos contactos coa Casa Real xestionou a súa reunión?

-Cómpre unha nova xuntanza pero non só por estética, e se lle trasladou tanto á Casa Real como á xerente do Consorcio. Pero antes temos que ser capaces as partes de xerar un ambiente proclive e que cristalice en acordos de fondo. Levamos sete anos de diminución de fondos no Consorcio. Este ano o obxectivo debera ser non diminuír e a partir de aí plantexarnos se podemos dimensionalo de novo nas necesidades da cidade. E aí a xuntanza do Padroado vai ser importante.

-A cidade sempre fixo gala das boas relacións coa Coroa. ¿Pódense resentir coa polémica da ofrenda?

-Creo que non. Quero pensar que non. Eu teño moita confianza en min mesmo nas relacións porque creo que son capaz de defender as miñas posicións sen fanatismos pero ser o suficientemente dialogante como para establecer lugares de encontro. Pasou na xuntanza co arcebispo e, mais alá das miñas conviccións, do meu republicanismo, asumo o rol institucional. Non me consta que exista un especial malestar. De feito cónstame que hai unha comprensión.

-Defina esa gran capital que propón co entorno de Santiago.

-Hai que construír unha gran área real, que no fondo é a que existe, entre Santiago e a contorna, empezar a compartir servizos, achegar políticas de transporte público, acción social. O clima é favorable. E Santiago ten que, non tutelalo, pero si lideralo.