¿Que pedirán os panos de San Xoán do Carballoso?

X. Amancio Liñares Giraut

SANTIAGO

02 jul 2015 . Actualizado a las 00:34 h.

O obxectivo da tardiña domingueira: contemplarmos a paisaxe xusto no remate da festa, pisarmos aquela testa campía despois da foliada. Alá nos achegamos, no solpor, no silencio. Xa polas terras de Liñaio cruzamos coa furgoneta dos xeados, que viña de volta. E no adro do bosque do Carballoso recollían os polbeiros os últimos trebellos. Rematara a xolda. Inda estaba o palco da romaxe xubilosa, a medio demoucar. E o que foi bochinche espirituoso da troula. Ficaban as pegadas de tanta presenza humana. Secasí, de vagariño, vaise impor a hexemonía silandeira daquela beleza natural, ata o retorno do balbordo paisano no ano que vén. Coma sempre.

Alí quedan os restos da festividade, cun xorne tan etnográfico. As madeiras para as poxas, subhastando as carnes, a carón da porta da capela, xa fechada. Os bancos e mesas de pedra baleiros, agardando novos xantares. A alfombra herbeira, que volverá acoller romeiros a eito. As árbores, quen moito campan, e entre as que salienta un admirable carballo, ben vellote, potente e fermoso, describindo un perímetro cun señorío circular case perfecto. Pódese pór este carballo do Carballoso en comparanza co esgrevio exemplar barcalés de Cores, e non sairá mal parado. E a fonte mítica e máxica: para simplemente quitarnos a sede ou mesmo para aliviar con auga fresca os corpos e as ánimas cansas. O manancial rodeado de centos de panos amarrados ós ramallos. Teas vellas, algúns anacos plásticos, tissues, kleenex... Incluso atopamos un pano da man, feminino, estampado azul, impoluto, de estrea. Porén, non todo é bucólico neste espazo baril, recanto da Arcadia, do noso rural fondo e senlleiro: xacen amais neses eidos lixos orgánicos e inorgánicos, que tamén enxergamos despois desta pacífica batalla festeira.

O San Xoán do Carballoso, o San Xurxo de Gonte, a Virxe da Paz de Arzón. Tres romaxes ancestrais negreiresas, cun carácter profiláctico, de simbiose entre o paganismo e a cristianización. O Xoán discípulo amado de Cristo (Xallas), O Xurxo labrego e cabaleiro (Gonte), a María que enche de paz (Arzón). Curar as verrugas. Protexer os animais domésticos. Quitar o aire, o mal aire. Os males de aquí, coa busca de solucións alá, no aló, no alén, no acolá. Auga, lume, terra, aire: elementos clásicos mesturados, nesta posmodernidade toleirona, coas pregarias ós santos e a María santísima. Santidades avogosas, pedindo remedios ás dores variopintas.

Naquel campeiro nu, nos carreiros e nas congostras do Carballoso, os retrincos enigmáticos cos desexos anoados de cerebros doentes, desacougados, inquedos. Seguro que non se trata só de mensaxes simbólicas na procura de sandar espullas ¿Que pedirán a maiores tantos retallos de panos e papeis pendurados das pólas, nos arredores da fonte milagreira do bosque fraga de San Xoán do Carballoso, nas ríspetas e xentís terras xalleiras de Negreira? ¡Chi lo sa!, ¡quen sabe!