«Cando non se pode curar, hai que evitar a dor innecesaria»

SANTIAGO

Defende que a asistencia se preste, a poder ser, no domicilio do doente e que se apoie tamén á familia cando o precisa

03 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«Entre as 1.400 persoas que atende un profesional de atención primaria na nosa área sanitaria, son diagnosticadas cada ano uns 6 doentes con cancro. Iso significa que o médico atende uns 60 procesos oncolóxicos ao cabo de 10 anos. Algúns, como os de testículo, teñen boa evolución e sobreviven máis do 90 % aos cinco anos; noutros, como no de páncreas, é moi inferior a esperanza de vida», afirma Manuel Portela, un dos médicos de familia que exerce como referente en coidados paliativos na área sanitaria.

-¿Cando se fala de coidados paliativos?

-Cando unha doenza evoluciona mal e, nos seus estadios finais, o paciente ten dor. O médico de familia debe estar preparado e ter habilidades e coñecementos para manexar a estes doentes, sobre todo facilitar o seu confort e a mellor calidade de vida. Porque cando non se pode curar, hai que evitar a dor innecesaria.

-Segundo o Sergas, un 75 % das persoas que falecen en Galicia necesitan algunha atención paliativa, ¿é tanto?

-Si, porque son persoas que presentan unha doenza crónica evolutiva con prognóstico de vida limitado. O paradigma son os doentes oncolóxicos; e tamén quen padece insuficiencia cardíaca ou EPOC moi avanzadas, insuficiencia renal terminal, ou outras doenzas crónicas complexas que, co envellecemento, van acompañadas dun deterioro de quen a sofre. E ás veces a Medicina é moi efectiva e soluciona problemas graves, pero provoca outras secuelas importantes.

-¿Como é iso?

-Por exemplo, o infarto agudo de miocardio: hai uns anos a súa secuela maioritaria era a morte; agora é a insuficiencia cardíaca, e por iso hai máis casos de insuficiencia cardíaca.

-¿Cal se considera a atención de coidados paliativos máis axeitada?

-En principio os coidados paliativos deben ser no domicilio, polo menos os básicos ou non moi complexos. Aínda que hai situacións complexas, de persoas que viven soas, que non teñen apoio familiar ou social para que os coiden na casa; e esas situacións requiren de flexibilidade por parte do sistema de saúde.

-¿Ten atención primaria medios como un hospital para estes coidados?

-Atención primaria ten a vantaxe de que coñece ben aos doentes e que, moitas veces, xa diagnostica ese problema grave que se encamiña ao seu final. O médico de primaria envellece cos seus doentes, e o mesmo o persoal de enfermaría ou traballo social, que tamén prestan coidados paliativos. En primaria, o equipo asistencial sabe que se ten que adaptar ao doente e apoiar á familia cando o precisa; no hospital son o doente e a familia os que se adaptan. E en primaria agora hai menos burocracia para prescribir morfina e outros medicamentos, e novos avances para estes coidados. Tamén é importante, onde chega, o apoio de Hospitalización a Domicilio do CHUS.

manuel portela médico, referente en coidados paliativos