Paulino Novo: «O maior impacto do galego na televisión foi "JR" falándoo»

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Di o filólogo que a Televisión de Galicia axudou a normalizar a lingua dun xeito definitivo

06 abr 2015 . Actualizado a las 11:31 h.

Paulino Novo leva moitos anos en Santiago, bastantes máis que na súa Meira natal, pero aínda se sente de alí. «Hai moitas teorías, algúns din que se é de onde se nace; outros onde se fai a vida; e mesmo algúns escritores que de onde se encontrou o amor, pero eu son de Meira, porque ao final é o que máis me marca». Chegou a Compostela ben novo, en cuarto de carreira tras estudar os tres primeiros no colexio universitario de Lugo. Fixo Filoloxía pero o que lle gustaba era o Dereito ou a Historia. Ao final parece que escolleu ben e mesmo se aproximou aos outros dous mundos. «A historia gústame e por iso leo moito diso, e a vida profesional levoume a ter relación co dereito laboral, pero sigo tendo a filoloxía como entretemento e traballo todos os días, ao meu nivel, investigando en galego».

Era 1984 cando comezou a súa vida universitaria en Compostela e xa desde entón colaborou como bolseiro co Instituto da Lingua Galega (ILG). E foi precisamente esta colaboración a que lle deu paso á que sería a súa vida profesional, a Compañía de Radio Televisión de Galicia. Empezou no 1985, cando catro lingüistas do ILG marcharon para alá. Nacía a primeira televisión e radio galegas, «foi unha aventura», porque o coñecemento dos xornalistas nesta lingua non era moito. «Salvo algunhas excepcións non a coñecían, había que ir creando unha lingua de comunicación». Porque estaba o galego coloquial e o culto, «pero facía falta a lingua intermedia. Un medio de comunicación ten que buscar a corrección, pero tamén o feito comunicativo».

Houbo moitas palabras que callaron no común dos galegos pero se algo lle chegou aos espectadores foi a serie americana Dallas. «O que che pode dicir calquera persoa daquela época é que o maior impacto do galego na televisión foi o personaxe de JR en galego. Eu participei nesas gravacións que se fixeron nun estudio da Coruña e xa me daba conta de que ía ser unha bomba», di Paulino.

Vocabulario que antes non se usaba pasou a formar parte dos actos públicos. Lembra este filólogo «desenvolver», un verbo que ata entón non se usaba e que despois pasou a formar parte das manifestacións habituais dos políticos. E se algún colectivo traballou por normalizar o galego di Paulino que foron os xornalistas deportivos: «Pedíannos termos galegos patrimoniais para recuperar, e así recuperamos biqueira, canear, fume de carozo, dabámoslles léxico patrimonial e eles soubéronse adaptar», conta. Tamén houbo algunha reticencia, como a de algún a dicir lámpada, ou a teima en usar medrar en lugar de crecer, «e iso que crecer é máis galego, pero a lingua non a conformamos os lingüistas, os lingüistas explicamos e dicimos o que hai, e despois lle toca aos falantes ir escollendo».

Home paseante da zona vella, gústalle porque aínda que o patrimonio cultural non cambia moito, a paisaxe humana varía case todos os días. «Gústame todo o caso vello, o bo é que a diferenza doutras cidades a paisaxe humanas cambia constantemente. Antes cada ano, pero agora cos peregrinos todos os días», explica. Deulle tempo ademais a correr un par de anos no campionato galego de ralis e a seguir investigando na lingua. Xa leu a súa tese doutora sobre o insulto en galego, un traballo que terá continuación.