«A nosa actuación nos colexios prevén contra o discurso do odio»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

«Intervimos para a integración das persoas de orixe estranxeira», afirma

31 mar 2015 . Actualizado a las 10:11 h.

A Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) xestiona a continuidade do proxecto Barrios Abertos, que finalizou en decembro co encontro Entre Culturas. A oenegé mantén o programa de educación en valores. A maior actividade do seu persoal e voluntariado está centrada nas zonas de Fontiñas e San Pedro, esclarece Alejandro Quiñoá, o seu delegado en Compostela.

-¿Que resta do proxecto «Barrios Abertos», despois de 3 meses?

-Estamos satisfeitos dos resultados. Por iso procuramos financiamento, para que teña continuidade, ao finalizar as axudas da UE e do Estado. Coordinamos a actuación co Concello e con outras entidades, nos barrios de San Pedro e Fontiñas. Intervimos para a integración das persoas de orixe estranxeira, con tres grandes programas: de sensibilización e comunicación, en centros escolares, e de traballo sanitario.

-¿En que consistiron?

-No de sensibilización o obxectivo foi pór en valor a riqueza intercultural deses barrios. Elaboramos unha guía de servizos comunitarios, para favorecer o acceso a diferentes recursos; e materiais culturais, como Fraguando a diversidade, Como imanes, e outros produtos audiovisuais.

-¿Como interviron nos centros de ensino?

-A nosa actuación nos colexios prevén contra o discurso do odio, para evitar situacións como a islamofobia que se deu por causa do atentado contra Charlie Hebdo e sucesos semellantes. Para iso hai que achegar a realidade da xente que profesa o Islam, que se vexa que o radicalismo non é o que máis impera entre ese colectivo de persoas. Aínda que o proxecto finalizou, continuamos con ese traballo.

-¿Como continúan?

-A través de Escolas sen racismo, un programa para a educación en valores, nos colexios Monte dos Postes, Fontiñas, Vilas Alborada e Juventud; no IES Antonio Fraguas; e na USC, onde promovemos un seminario sobre xornalismo social e cooperación.

-¿Que fixeron no ámbito sanitario?

-O obxectivo foi ensinar a persoas de colectivos inmigrantes as vías de acceso á saúde. Porque os servizos sanitarios, xunto cos educativos, son de enorme importancia para a integración desas persoas inmigrantes.

-¿Como valora esa integración?

-Existe demanda para constituir redes de mediadores con xente de algunhas nacionalidades, para que accedan a servizos da cidade. Por exemplo, que fagan de tradutores con persoal sanitario e doutros servizos, ou que faciliten reforzo escolar.

-¿Que diferencian as estratexias da ACPP das de outras profesionais e servizos xa existentes?

-Nós aquí aproveitamos estratexias de intervención que utilizamos nos países do Sur e que dan bo resultado para chegar á xente. Por exemplo o traballo coordenado en rede con institucións e outras entidades, ou estratexias de comunicación.

-¿A canta xente chegaron?

-A nosa prioridade eran as case mil persoas inmigrantes residentes en San Pedro e Fontiñas. Pero participou moita máis xente, houbo sesións moi concurridas.

-¿Hai moitas nacionalidades de grupos inmigrantes en Santiago?

-Si, sobre todo da UE, aínda que traballamos máis con persoas extracomunitarias. Hai colectivos de Marrocos e de América Latina moi importantes. E, desde hai dous anos, a poboación inmigrante en Santiago notamos que está estabilizada.

alejandro quiñoá DELEGADO DE ASEMBLEA DE COOPERACIÓN POLA PAZ

«Aquí aproveitamos estratexias de intervención que utilizamos nos países do Sur»

Alejandro Quiñoá