Os creadores do rural rock estrean disco

emilio forján

SANTIAGO

Os Bocinazo son sete mozos barcaleses que forman ou formaron parte da charanga Mekánika.
Os Bocinazo son sete mozos barcaleses que forman ou formaron parte da charanga Mekánika. dANY VIEITO< / span>

Bocinazo presenta o seu traballo en Negreira

26 mar 2015 . Actualizado a las 23:52 h.

Estaban un día nun bar escoitando Highway to hell, de AC/DC, e déuselles por cambiarlle a letra por un simple Hoxe ensilei. Entón xurdiu Bocinazo coa idea de facer unha versión en galego, e logo viñeron ensaios e foron saíndo cancións, e sobre todo videoclips para o lanzamento de temas como Canción triste de soldador, con 22.546 visualizacións, onde non pasa desapercibida a colaboración da súa musa Sara Gerpe. Dous anos e tres meses despois do seu primeiro concerto no bar Fontana, mañá pola noite presentan o seu primeiro disco de estudo nun concerto xunto a outros tres grupos: Closer, Sudor do Tractorista, e Recambios Tucho. A cita é na nova praza das Brañas.

Os Bocinazo non se comeron moito a cabeza co titulo do disco. Simplemente Rural rock, un estilo que eles mesmos acuñaron co seu selo persoal, a semellanza do que no seu día fixeron os seus idolatrados Heredeiros da Crus, dos cales agardan que «algún día sexamos teleoneiros seus, porque ese é un dos nosos obxetivos», segundo relatan. Polo de pronto, un dos seus membros, o gran Tuchiño -guitarra e voz-, xa accedeu a gravar un dos seus temas como Perrecho e, co seu grupo Recambios Tucho, son os convidados de excepción.

Bocinazo son sete mozos barcaleses: Bocinas (voz); Vieito (guitarra solista); Pepe Noya (baixo); Xián (guitarra); Cobelo (batería); Adrián Trillo (saxo), e Maruko (trompeta). Todos teñen en común a súa paixón pola música, e que formaron ou forman parte da charanga Mekánika. No disco, oito cancións, entre elas algún dos seus hits como Chalé en Lojrosa, Perrecho ou Esterco, xunto con outros como Veterinaria, Pallas na leira, ou Finisterre, esta última con sons de gaita. Como curiosidade, tamén hai unha peza instrumental de oito segundos.

Pepe Noya subraia que Bocinazo son «unha parodia de nós mesmos. A meirande parte dos temas están inspirados en historias reais ou anécdotas que nos pasaron», e cunha gran dose de humor di que agardan a que poida ser elixido «o mellor disco do ano, por riba incluso do último de Drones, o último de Muse». A corto prazo queren presentalo en Santiago, e tamén están inmersos no concurso Cantalingua cun dos seus temas.