«Temas laborais prioritarios levan tres anos pendentes de solución»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra AlonsoSandra Alonso

Preocupan a precariedade, os recortes ou as ameazas ao persoal, afirma

26 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os sindicatos abandonaron a semana pasada unha reunión ordinaria con directivos da área sanitaria, por discrepancias coa oferta de diálogo que lles facían. O mércores teñen convocado un novo encontro, e esperan «que haxa avances e comezar a resolver asuntos pendentes, para nós moi importantes», afirma Lourdes García, a presidenta da Comisión de Centro, integrada por representantes laborais de CIG, CEMS, O?Mega, CC OO, UGT, CSI-F, Satse e SAE.

-¿Por que se levantaron dunha mesa de negociación?

-Porque temas laborais prioritarios levan tres anos pendentes de solución nesta área sanitaria e non víamos vontade de mudar a situación. A Xerencia convocou unha reunión ordinaria, que había dous meses non se celebraba. Solicitamos incluír eses temas, e como se negaron, decidimos abandonar a sesión. Porque a dirección coñece ben a que nos referimos, son temas importantes e hai persoal que está sufrindo as consecuencias de que non se cumpran acordos ou non se busquen solucións.

-¿Que tema espera tres anos?

-Hai temas dos que falamos desde marzo ou abril do 2012, a pouco de se incorporar este xerente, e continúan pendentes. O máis importante é o plan funcional de urxencias: despois de mobilizacións do persoal dese servizo houbo o acordo de que, segundo aumentase a demanda, terían que contratar máis médicos e outro persoal. E só cumpriron ese acordo as primeiras veces.

-¿Non se cumpre agora?

-Non se cumpre o acordado. Mesmo estas semanas que houbo tanta gripe e doenzas respiratorias, con moitos doentes pendentes de ingreso, só abriron a unidade de Medicina Interna do Gil Casares cando estaba a situación moi desbordada. Faltaban médicos e persoal de enfermaría; e houbo casos como unha técnica de enfermaría que contrataron para dar asistencia en tres espazos diferentes.

-¿Notan descontento do persoal?

-Si, e tamén en moitos outros temas. Como na mobilidade forzosa de persoal dunhas unidades a outras para cubrir baixas ou permisos, deixando o seu posto sen cubrir ben; porque no 2014 houbo moito recorte de persoal, sobre todo de enfermaría.

-¿Teñen moitos asuntos pendentes de solución?

-Pode haber uns 30, porque se foron acumulando no tempo. Un dos últimos é o acoplamento de enfermeiras: hai catro meses que a xerencia promete que comeza, e non hai nada aínda; e todo o cadro de enfermeiras do CHUS está á espera deste asunto.

-¿Continúa a precariedade nas contratacións que criticaban o ano pasado?

-Continúa o mesmo. Fan contratos precarios por días, ou mes a mes, por acumulo de tarefas, mesmo para prazas que se tiñan que cubrir con interinidades. Só en decembro houbo máis de 3.000 contratos na área sanitaria; hai algún caso de asinar seis contratos, todos de un día, nese mes.

-¿Teñen máis asuntos pendentes que podan condicionar o funcionamento de servizos?

-Si que os hai. Como o deterioro do servizo de mantemento desde que se privatizou, que é moi preocupante. Tratamos o tema varias veces en reunións e non se soluciona. Non están ben definidas as funcións do persoal do Sergas, nin da empresa privada; e servizos como anestesia, quirófano, reanimación, UCI, diálise ou radioloxía dependen moito de mantemento.

-¿E hai repercusións nos pacientes?

-Si, e por veces con consecuencias laborais. Un caso é o de persoal que recibe ameazas de usuarios que se crispan cando lles dan unha cita para dentro de un ano ou dous, e houbo mesmo xa algunha agresión por iso. Este é outro tema ao que queremos que se lle dea solución.

LOURDES GARCÍA PRESIDENTA DA COMISIÓN DE CENTRO DA ÁREA SANITARIA

«Fan contratos por días, mesmo para prazas que se tiñan que cubrir con interinidades»