Melide volve de feiras con Pepucho

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

José Gómez traballou como chofer cando estivo emigrado en Cuba
José Gómez traballou como chofer cando estivo emigrado en Cuba

O Museo rescata a historia recente da vila nunha mostra co legado artístico do transportista José Gómez Otero

07 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

De non emigrar de mozo, José Gómez Otero non tería feito vida en Melide e tampouco conducido unha das empresas locais de transporte de viaxeiros de principios do século pasado: Unión Mellidense. Así se chamaba a sociedade, hoxe extinta, na que Pepucho da Unión, como aínda se lle recorda na vila do que foi tan veciño como do seu Abadín natal, empezou a traballar logo de regresar de Cuba da man da súa muller Angelita Taboada, que era de Toques.

«De todos os aspirantes foi o único que tivo a habilidade de meter o autobús marcha atrás ata o garaxe, que estaba no aínda existente callejón do Burato». A anécdota cóntaa Xurxo Broz e explica o xeito en que Pepucho se fixo co posto de condutor que ofrecían catro zapateiros melidenses que mercaran a empresa de transportes para ir ás feiras. Corría o ano 1931 e da illa caribeña tamén traía na maleta a experiencia de ter traballado como chofer para un colexio de monxas, para un médico e para a embaixada española.

A traxectoria de José Gómez en Melide, onde finou aos 93 anos, é o pano de fondo da primeira exposición dunha serie que vén de impulsar o museo etnográfico da comarca para poñer en valor a artistas locais, e a través das súas figuras, «recuperar a nosa historia recente», explican Xurxo e Cristina Vázquez, colaborador e arqueóloga da galería. A sala acolle durante todo o mes unha mostra co máis representativo do legado artístico do transportista, que, cando se xubilou, dedicouse de cheo a facer maquetas e tallas en madeira. En vida, doou unha decena de pezas ao museo, onde recoñecen un traballo que «ten moito mérito porque non se dedicaba a isto; ademais facía todas e cada unha das pezas e mesmo que funcionasen», contan. Unha desas pezas con movemento é o muíño de auga que pode verse na exposición, coa que, con Pepucho da Unión ao volante, Melide volve ás feiras.

Porque amén da súa obra, a mostra recolle documentos dunha viaxe profesional que amosa a vocación comercial dos melidenses. Como os rexistros das rutas que facía con Unión Mellidense, coa que José Gómez se fixo integramente aos seis anos de empezar a traballar.. «Case todos os días do mes facía feiras», amosan Xurxo e Cristina as follas de ruta. Fotografías históricas dos primeiros vehículos que houbo para o transporte de viaxeiros tamén forman parte dunha mostra con billete gratuíto e parada obrigada.