«Creo que é de xustiza apostar polo incremento das políticas sociais»

r. martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

O Concello porá á venda un céntrico solo polo que prevé ingresar 1,6 millóns

24 nov 2014 . Actualizado a las 14:03 h.

O goberno vén de presentar a proposta de orzamentos para o 2015, unhas contas que elevan a 102,6 millóns a dispoñibilidade económica do Concello (un 2 % máis) e que o edil Ramón Quiroga defenderá no pleno o día 28 co obxectivo de darlles o visto bo definitivo en decembro para que entren en vigor en xaneiro, como ten comprometido o alcalde.

-É difícil recordar o último exercicio en que os orzamentos se aprobaron en tempo

-Si. Nos últimos 20 anos só se aprobaron inicialmente en prazo en 1995. Nese senso si que estamos satisfeitos, porque ten que haber disciplina na xestión, e que en cen días poidamos ter feito o plan fiscal, un plan de choque, a amortización anticipada de débeda e os orzamentos en tempo, é unha mostra da capacidade de xestión do novo goberno.

-¿Tivo moita presión?, porque esa era unha prioridade do alcalde

-Dende o primeiro día tiven claro que era a principal misión que tiña e que había que cumprir.

-O orzamento crece 1,7 millóns.

-Si, respecto ao 2014, e é o que máis crece do mandato. E ademais non recorremos a débeda.

-¿É iso un indicio de que a situación mellora?

-E froito dun esforzo na disciplina e na xestión orzamentaria dos últimos anos. Este orzamento hoxe non sería posible sen o plan de axuste e sen aprobar os anteriores con superávit. Houbo control do gasto e polo tanto a situación do Concello e da xestión orzamentaria é boa. E tamén é posible polo pago adiantado de débeda, que libera de amortizar catro millóns no 2015.

-¿Canto pagarán entón no 2015?

-Ata agora se viñan amortizando de 8 a 9 millóns, ademais dos intereses, e no 2015 pagarase 4,9, o que supón unha redución do 40 % da carga financeira. Son cartos que se poden empregar noutros gastos, como o social, que sobe un 18 %, ou os investimentos.

-O orzamento chega cunha novidade importante, a creación da renda social. ¿En que medida entenden que vai paliar a situación de quen o está a pasar peor?

-En ningún caso vai paliar a situación de desemprego, pero pode ser unha axuda para algún tema puntual. O Concello debe apostar polas políticas sociais, incrementalas, non só polos investimentos, e neste momento é un punto de partida. Veremos o resultado este ano, pero hai que apostar fortemente polo incremento das políticas sociais. Creo que é de xustiza.

-¿Onde melloran os ingresos?

-A participación nos ingresos do Estado sobe case 2 millóns, e tamén levamos a enaxenación dunha parcela por 1,6 millóns, porque cremos que é o momento oportuno para pór solo a disposición das empresas porque iso tamén xera dinamización da cidade e creación de emprego. Tamén hai o ingreso extraordinario pola renovación da flota de autobuses que terá que facer efectivo o concesionario por 3,5 millóns.

-Co sector urbanístico aínda practicamente parado, ¿terá saída esa parcela?

-Houbo persoas interesadas o ano pasado e, neste momento que empeza a repuntar a economía, pode ter saída, sobre todo se se dan facilidades de pago, e tamén porque a situación da parcela e envexable, en Romero Donallo.

-Xa se tentou vender solo neste mandato e non foi posible.

-Neste caso cremos que si terá saída. Danse os factores de lixeiro repunte, hai incentivos municipais para dinamizar o sector e está a situación da parcela. E agora é mais importante acometer políticas sociais que ter exceso de patrimonio no Concello.

ramón quiroga limia concelleiro de facenda