«Hai que pelexar por unha economía do coñecemento»

alicia pedreira ORDES / LA VOZ

CIENCIA

CEDIDA

O ordense volveu as aulas do instituto para falar de ciencia

21 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Di que a paixón é moi importante. E iso explica que con só 25 anos e a dous meses de presentarse ao Mir, sexa coñecido no mundo da investigación mundial por ter descifrado, de maneira autodidacta e allea a grandes proxectos científicos, a ruta biolóxica que converte en maligno un tipo de tumor intracranial. Gozando deste prematuro recoñecemento, proxecta tamén un ambicioso futuro non só para el, senón para o conxunto da sociedade. É Adrián Mosquera, un rapaz que deixou o instituto hai pouco máis de sete anos e onte volveu a el. Pero non como alumno, senón como mestre.

-¿Como se sente no regreso ao instituto Nº 1 de Ordes no que estudou?

-Estou feliz de que contaran comigo para impartir unha charla sobre a estatística na investigación biomédica. Eu síntome moi orgulloso de ter estudado alí, porque a formación que che dan, tanto curricular coma extracurricular, é excelente. Por iso, no que poda axudar, estou á súa disposición.

-Co Mir á volta da esquina, ¿como se presenta o futuro máis inmediato?

-Seguramente me decantarei pola oncoloxía ou a anatomía patolóxica, porque son os ámbitos nos que desenvolvín as investigacións que fixen pola miña conta.

-¿É posible investigar en solitario, na casa, sen ningún tipo de respaldo?

-O respaldo si que o precisas cando queres que a túa investigación leve por exemplo, á creación de novos fármacos. Aí necesitas un laboratorio. Pero ata ese momento, coas bases de datos sobre tumores e doentes ás que tés acceso, se queres podes facer marabillas.

-¿Onde estará a longo prazo?

-O meu obxectivo é desenvolver novos fármacos en Galicia. Non quero marchar de aquí, senón que a través da creación dun laboratorio especializado, se podan canalizar distintas vías de investigación, e que as grandes farmacéuticas nos vexan coma un atractivo para desenvolver aquí os seus proxectos.

-Unha proxección de futuro ambiciosa, dende logo.

-As novas xeracións debemos pelexar por unha economía baseada no coñecemento, non no ladrillo. Ademais, hai que cambiar o chip e levar a investigación ao mercado, para que cree postos de traballo.

-¿Pode ser un exemplo para os rapaces que o escoitaron?

-Espero que si. Se consigo espertar nalgún deles a paixón pola ciencia, que vaian tirando do fío e busquen un camiño, eu xa estou satisfeito.

adrián mosquera licenciado en medicina e investigador