«Se acadásemos o consenso sobre a intermodal sería un gran servizo á cidade»

La Voz

SANTIAGO

19 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Hernández defende a asignación que os orzamentos do Estado reservan a Santiago dende a perspectiva de que recollen proxectos pendentes e inclúen outras peticións municipais, e xustifica que a intermodal só conste neles con 200.000 euros, pola fase en que está a súa programación.

-Parece que eses orzamentos non son para tirar foguetes. A principal actuación, a ampliación da AP-9, a imos pagar todos.

-Ou si. Eu formulei cuestións que aparecen, como a orbital, a conexión do Gaiás, aí está o túnel de Conxo que imos comezar, o acceso ao Polígono do Tambre, a depuradora, mantéñense cartos para o Consorcio e aparece o tema da Catedral por Fomento.

-Na rúa non semella que estea moi claro cal é o proxecto do alcalde para a intermodal.

-Demandamos unha actuación por fases, realista e con orzamento para chegar ao obxectivo de adecuar a estación para o AVE, de ter intermodalidade e que sexa unha actuación que cosa o Ensanche con Pontepedriña.

-¿Pero haberá estación de nova factura ou en base a unha ampliación da actual?

-Na miña opinión deberiamos facer un plantexamento partindo da estación actual, modificando o que teñamos que modificar.

-Vaille dar unha alegría a Conde Roa, que no seu momento fixo unha campaña moi activa para que se mantivese o actual.

-Pois si, de feito nun pleno o PP despregara imaxes da estación.

-Haberá quen pense que ten unha visión pouco reivindicativa co tema do AVE.

-Pode haber quen diga que o alcalde é pouco reivindicativo e pouco ambicioso, pero se non temos decidido aínda o plantexamento, os obxectivos e as actuacións da estación, 200.000 euros é moitísimo. E temos que ser realistas sobre en que punto estamos. Se non está máis avanzado é consecuencia de falta de consenso e se o acadásemos sería un gran servizo á cidade.

-A vella terminal do aeroporto está enquistada, vai caer de vella.

-Eu teño reflexionado, pero non é máis ca unha reflexión na que teño que afondar, sobre buscar algo relacionado co Camiño, algunha instalación ligada ao fenómeno xacobeo. É unha instalación grande e supoño que Aena non a deixará gratis, pero calquera outro uso o vexo complicado.

cen días de goberno