«A xestión do Concello está normalizada»

r. martínez / i. carballo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Álvaro Ballesteros

Con cen días no cargo, o rexedor ve como «unha oportunidade» o seu inesperado acceso a Raxoi

19 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou a Raxoi obrigado polas circunstancias para pór orde logo da etapa máis convulsa que viviu o Concello, con dous gobernos do PP nun só mandato acosados por múltiples causas xudiciais. Agustín Hernández (Madrid, 1961) é o terceiro alcalde dende o 2011. Esta semana cumpriu cen días á fronte da cidade co reto de normalizar a actividade municipal e tratar de recompoñer a imaxe do PP. E pese a ter que renunciar á consellería de maior peso di que a nova experiencia «é gratificante».

-A súa prioridade era normalizar a vida do Concello. ¿En que grao pensa que o ten acadado?

-Iso debería avalialo o cidadán, pero a vida diaria, a xestión, está normalizada. Xera noticias dentro da normalidade e nese sentido este obxectivo está acadado.

-¿Ao cen por cen?

-Ao 100 % nesta vida... Son autoesixente e polo tanto diría 75 %.

-E a imaxe da cidade. ¿Cre que segue danada?

-O que aconteceu nesta cidade nestes máis de tres anos supera calquera expectativa e non é fácil de esquecer, iso é evidente.

-Vostede foi un alcalde de emerxencia a once meses dunhas eleccións. ¿Ten proxecto de cidade?

-É evidente que a miña chegada á alcaldía foi inesperada e o primeiro obxectivo polo tanto era normalizar a vida municipal e logo coñecer os problemas da cidade, tentar resolvelos, programar o 2015 e formular cuestións de futuro. Teño visualizado que os cidadáns, á marxe do que aconteceu, son agradecidos e expoñen cuestións, e nese plantexamento abordaremos temas de futuro.

-¿Os está abordando dende a perspectiva de ser candidato?. Porque dáse por feito que o será.

-Iso se abordará no seu momento. Eu estiven e estarei a disposición do partido e agora estou a disposición dos veciños de Santiago e do que se dispoña ao respecto. Unha das cuestións que interioricei nestes cen días é o privilexio que supón estar neste despacho, ser o máximo responsable da capital de Galicia.

-¿Lamenta ter pechado a lista electoral do Partido Popular?

-Para nada. Loxicamente nunca pensei que podería acabar de alcalde, é evidente, e é certo que foi un cambio abrupto, inesperado, pero tamén é certo que agora visualizo o tema como unha oportunidade. Esta é unha experiencia nova, difícil, complicada, pero na vida hai que velo todo dende o lado positivo, e ser alcalde da capital é un privilexio.

-¿Foi unha decisión tardía do PP?

-Sete días despois da sentenza non se pode cualificar de tardía. Antes diso era difícil unha operación como da que estamos a falar. O Concello tiña moitos problemas alleos ao día a día municipal e iso impedía trasladar á cidadanía o que se estaba a facer. Pero ata que os concelleiros tiveron a sentenza a situación era a que era e as posibilidades dende o partido tamén eran as que eran.

-Esa foi a hecatombe, pero os problemas viñan de lonxe.

-Ata o momento en que tiveron que dimitir, gustara ou non gustara, había uns edís elixidos, ían na lista e estaban facendo o que consideraban que tiñan que facer.

-¿Non ten a sensación de estar nunha carreira contra reloxo de sete meses dende este momento?

-Sei que é difícil de crer, pero non teño unha visión temporal limitada ao 24 de maio. O único que teño claro é que teño diante unha oportunidade de xestionar o Concello nun momento complicado, unha responsabilidade nova e unha experiencia curiosa que aporta ilusión.

-¿Botou contas de cantas obras vai inaugurar ata entón?

-A verdade é que non. Gustaríame inaugurar Basquiños para resolver o tráfico. Pero non teño na cabeza as actuacións que estamos a executar e poidamos inaugurar. Bueno, as vivendas de Vista Alegre, que están quedando ben. Pero non é un obxectivo.

-Está pendente a resolución do recurso da oposición pola constitución dun goberno con non electos. ¿Preocúpalle o que poida deparar?

-A verdade é que non. Non lle dediquei un só minuto a esa cuestión. Aplicamos a normativa nun momento excepcional. Non teño ningunha preocupación, os cidadáns votaron unha lista pero votaron un partido, e ese é o que goberna. Estamos actuando con normalidade, e cando decida a xustiza asumiremos esa decisión.

-¿Para cando o xerente do Consorcio? É unha situación anómala.

-O Consorcio funciona correctamente e cando atopemos á persoa axeitada faremos a proposta, que ha de aprobar Madrid.

-¿A que agarda?. Vostede formou goberno en menos de dez días.

-Non é comparable. O Concello tiña un problema de gobernabilidade e o Consorcio non ten un problema de xestión, se tivese esa sensación habería xa unha persoa.