«Intentaremos dar os máximos concertos posibles dende xa»

Jael Á. Naya, J. C SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Os de Ames actuarán no Revenidas despois de gañar o concurso de grupos

19 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O grupo de Bugallido Biribirlocke é o gañador do segundo Concurso de Grupos Emerxentes Revenidas, e agora poderá disfrutar do premio que é tocar no festival con formacións consolidadas no panorama musical galego como Heredeiros da Crus ou Diplomáticos de Montealto.

?Tocar no festival Revenidas esta fin de semana é toda unha sorpresa.

?Si. É unha oportunidade brutal compartir escenario con eses grupos. Ao principio da un pouco de pánico pero temos moitas ganas de facelo ben e empezar a tocar nos festivais, que como é lóxico chaman aos grupos que funcionan.

?Buscan facerse un oco na escena.

?Este tipo de concursos axudan moito ás bandas que estamos empezando. Nós por exemplo xa tocamos de teloneros de grupos como Ruxe-Ruxe ou Medomedá. Gústanos moito o que fan e ademais son xente que nos apoiou moito.

?¿Como foi o concurso que acabades de gañar?

?Foi por Facebook. Os que máis me gusta acumulamos pasamos á final onde o xurado estaba composto por un membro da organización do festival, dous membros de grupos que van tocar no festival e un periodista. Nós aportamos vídeos de directos porque sendo para un festival queriamos que visen o que ofrecemos nun escenario.

?¿Cal é a proposta do grupo?

?Facemos rock pero incorporamos unha sección de vento que ten un toque máis festeiro e divertido. Ao principio tiñamos dúbidas e só facía algúns detalliños co saxo porque non quedaban ben as súas frases sobre as de guitarra, así que probamos a facer esas mesmas frases só cos ventos e o resultado foinos gustando. Agora xa é unha sección de catro instrumentos coas súas propias harmonías e un resultado máis animado e popular.

?¿Como son as cancións?

?A maioría son en galego e falan sobre cousas do día a día, personaxes e historias que coñecemos... E todas teñen unha mensaxe que pode ser política ou social, pero non ideolóxica. Son historias vitais sobre cousas cotiás.

?¿Como é o proceso creativo?

?Pois as letras son case todas de Benja, o cantante, e as melodías adoitan ser cousa do guitarrista e do trombón, que veñen aos ensaios con unha estrutura harmónica e unha vez alí e a modo de jam session o resto do grupo aportamos ideas e corriximos detalles.

?¿Teñen algún proxecto en marcha ademais dos concertos?

?Gravamos un videoclip cuns estudantes de Audiovisual de Santiago e ten que estar a piques de saír. Tamén levamos todo o verán gravando o noso primeiro traballo de sete cancións nos estudios de Pousada Son con Iago Pico. Esperamos poder publicalo a finais de setembro pero ata agora estamos gozando moito porque o estudio é un descubrimento, hai detalles que quedan ben nos directos pero para as gravacións búscanse outras cousas.

?¿Cal é o plan de agora en diante?

?¡Intentaremos dar os máximos concertos posibles dende xa! Estamos buscando pola zona de Bertamiráns que é de onde somos, e queremos empezar a actuar en calquera sitio no que nos deixen. Vemos o recorrido doutras bandas coma Terbutalina, e é o que queremos facer, comezaron hai tres anos e agora tocan en todos lados.