«De mozo, a festa remataba cunha molladura na Alameda»

EMMA ARAÚJO < / span>

SANTIAGO

Andrés García leva 34 anos traballando en Suíza e este ano foi o traballador elixido para homenaxear aos emigrantes

15 ago 2014 . Actualizado a las 11:53 h.

? Andrés García ten 57 anos e leva 34 traballando en Suíza, cerca de Zurich, construíndo xardíns, un traballo que tamén fixo na súa casa de Ordes, aínda que a súa orixe está en Frades. Desde o primeiro ano de traballo mantén o costume de vir a Ordes polo menos unha vez ao ano. E nesta ocasión atopou a sorpresa de ser elixido para a homenaxe do Concello aos emigrantes.

-¿Como lle chegou a proposta da homenaxe?

-A idea foi do párroco, que me coñece moi ben porque en Santa María bauticei ao meu fillo e a miña filla fixo tamén a primeira comunión. Tamén veu a bendicir a casa. Pero falaron comigo no Concello. Fun alí para presentar un escrito e saín coa proposta e sen poder dicir que non.

-¿Como ve Ordes e as festas despois de tantos anos vindo en agosto?

-Antes eramos moitos os emigrantes que viñamos nesta época do ano. Agora haberá mellores festas, con máis actividades, pero non hai tanta movida. De mozo, a festa remataba cunha molladura na fonte da Alameda. Tiñamos esa costume, pero tamén eramos máis novos e aguantabas máis a verbena. A min sempre me gustou bailar, aínda que a música de agora non me vai moito. Pero unha cervexa e boa comida, iso si.

-Vostede traballa nun país que non sabe moito o que é a crise económica. ¿Como se ven as cousas dende alí?

-Suíza é máis pequeno que Galicia e alí viven dos cartos da xente rica de todo o mundo. Gustaríame que isto estivera coidado como alí.

-Que cousas traería de Suíza e cales levaría de Ordes?

-Alí e todo máis silencioso e ben organizado. Levan un nivel de vida moi distinto, pero cando chegan aquí e proban a nosa comida, quedan coa boca aberta.

-¿Xa ten o discurso feito para mañá?

-Teño algo escrito pero estou un pouco nervioso, porque estas cousas non me van moito.