«O noso primeiro disco terá cinco temas e estilo propios»

j. gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

De esquerda a dereita, Chicho, Yulian Charli e Fiz, integrantes do grupo Vicky Polard.
De esquerda a dereita, Chicho, Yulian Charli e Fiz, integrantes do grupo Vicky Polard. ESTRELA ALONSO< / span>

O grupo, de Compostela, busca financiamento na Internet para chegar ao mercado, tras a súa experiencia na Rede

21 jul 2014 . Actualizado a las 20:42 h.

«Non pedimos que nos dean diñeiro, se non que nos compren por adiantado o disco. Temos 40 días para conseguir 1.500 euros», afirma Yulian, vocalista e cofundador de Vicky Polard, que busca financiamento na Internet. Este grupo comeza o día 21 a gravar o primeiro disco. «Terá cinco temas e estilo propios, dura 40 minutos e é un traballo moi madurado, durante máis dun ano. Son temas que teñen coherencia, que contan historias. A nosa idea é recrear paisaxes sonoras, contar historias que interesen pola letra e polo son», agrega Yulian. Para financiar o disco piden axudas, entre 5 e 1.500 euros: «Quen dea 5 euros recibirá pegatas, chapas e unha descarga dixital gratuíta; 10 euros inclúe un cedé, pegatas e unhas chapas; cantidades máis grandes inclúen entradas para concertos, traballos asinados e outros elementos. En Verkami.com e na nosa páxina de facebook hai toda a información», indica Yulian.

-¿E se alguén dá os 1.500 euros?

-Se alguén dá esa cantidade, temos o compromiso de que nos rapamos todos o pelo e llo entregamos en bolsas rubricadas.

-¿Que traxectoria ten o grupo?

-Comezamos no festival Sons de Trazo, no ano 2010, Afonso Traficante, estudante de percusión no Conservatorio Profesional de Música de Santiago, e máis eu. Despois veu Fiz, que interpreta o baixo; e Charli e Chicho coas súas guitarras. Somos dous de Santiago, dous de Brión e Afonso de Ordes. Gravamos unha primeira maqueta, que se descarga gratis na Internet, en Vicki Polard bandcamp, con 9 cancións, no ano 2012; e o ano pasado un EP con tres temas. O último ano traballamos máis duro e máis en serio e así se poderá comprobar neste novo traballo. Actuamos e xa nos coñecen en salas de Santiago e outras galegas, e temos programada unha xira desde setembro para presentar o disco.

-¿Cal é a vosa filosofía musical?

-Consideramos a voz un instrumento máis, e que todo debe ser parte dun todo, nada ten por que ser máis importante; e cando todo conflúe o tema está acabado. Temos moito interese na posmodernidade e, sobre todo, non somos pretensiosos.

-¿Como se titulan os temas que presentan?

-Onicogrifose, 19,5 de maio, Pensamento Profundo (42), Si, il vio berlo usconi e Zacarías e o dragão zombi. Temos influencias de moitos grupos, como Ataque Escampe e outros.

YULIAN VOCALISTA E COFUNDADOR DE VICKY POLARD