Antonio López: «Temos que armarnos con maior lexitimación social»

Juan María Capeáns Garrido
juan capeáns SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Álvaro Ballesteros

O catedrático é claro coas contas: «Ou recortamos máis ou renegociamos a débeda da USC». Prefire o segundo

20 abr 2014 . Actualizado a las 17:09 h.

Dous candidatos e cinco días por diante para convencer aos membros dun dos colectivos máis vellos, amplos e con maior influencia de Galicia. A Universidade de Santiago busca un reitor para saír da crise.

ECONOMÍA

Coincidencias na mellora do financiamento e diferenzas sobre a débeda.

-Antonio López. A Universidade de Santiago ten dous grandes retos, a curto e medio prazo. A curto prazo o obxectivo é aprobar uns orzamentos facendo cadrar ingresos e gastos. E logo temos un problema coas cotas da débeda, que nestes anos, e ata o 2019, serán moi altas. Neste ano superan os 8,5 millóns de euros. Nos últimos exercicios tirouse de tesourería, pero iso xa non se pode facer porque está moi diminuída. Só temos dúas alternativas: ou recortamos para conseguir eses 8,5 millóns e con ese aforro amortizamos débeda, ou buscamos unha fórmula de refinanciamento, ben negociando esa amortización ou endebedándonos para abonar as cotas, o que supón acabar de pagar a débeda máis tarde. O que non é razoable é que a Universidade sexa a única institución que paga agora débeda cando o resto non o fai. Nós preferimos non aumentala e si refinanciala para minimizar o impacto das cotas.

-Juan Viaño. Coincidimos en que a situación é grave. Vimos dun momento de aproveitamento de oportunidades para financiar infraestruturas e de liñas de investigación que xerou unha débeda que hai que devolver, pero nós pensamos que non é o momento de regresar aos bancos, senón de aproveitar as nosas potencialidades para obter máis ingresos. Mellorando o plan de financiamento, pero facéndonos máis visibles para captar máis recursos. Debemos reclamar dos poderes públicos o máximo esforzo para prestar servizos clave que están moi comprometidos, como a docencia. Podemos captar máis alumnos, impulsar a docencia en liña e conseguir recursos a través da investigación e da internacionalización. En definitiva, mellorar o mapa de potencialidades que capte a atención da sociedade galega, das empresas e dos que teñen os recursos, como é a Unión Europea. Tampouco podemos permitir que penalicen á USC co reparto de fondos, porque non están tendo en conta o tamaño da institución. E por suposto, queremos xestionar mellor. Un exemplo da situación actual son os 15 millóns que están pendentes de cobro.

-A.L. Estamos de acordo en que hai que lograr máis ingresos, pero o problema é facer os orzamentos do 2015. E para isto non podemos contar con ter máis alumnos. Temos que ser máis rigorosos. Ou recortamos para ter eses 8,5 millóns ou renegociamos a débeda, non queda outra.

-J.V. Digo que se poden xerar recursos de xeito inmediato. Temos que crecer e traballar máis para non volver aos bancos.

financiamento

As relacións coa Xunta de Galicia e coas universidades de A Coruña e Vigo.

-J.V. Hai que ter unha boa canle de negociación coa Xunta. Temos que convencela de que é necesario contar con recursos polo ben da sociedade, e esa negociación ten que ser firme desde todas as universidades, aínda que os criterios de reparto deben ser máis obxectivos. Eu creo que os parámetros que se utilizan agora penalizan á USC por non teren en conta circunstancias especiais, como o seu cadro de persoal, amplo e experimentado, con máis doutores e cunha produción científica contrastable.

-A.L. Nós traballaremos nunha dobre dirección. As tres universidades actuaremos de conxunto e estaremos de acordo demandando un financiamento público axeitado. O escenario aínda non é o mellor, e aí temos que armarnos con maior lexitimación social. Competiremos coa sanidade, a educación secundaria, as infraestruturas? É importante que a sociedade galega entenda a necesidade dunha educación superior pública de calidade. No reparto entre as tres institucións galegas, a miña percepción é que nos últimos anos houbo unha pinza entre A Coruña e Vigo porque intuían que defendían os mesmos intereses fronte a Santiago. Hai indicadores que din que esa alianza non sempre obtivo bos resultados. Se esa pinza rompe, a posición de Santiago será máis poderosa. Tamén é importante que haxa un recoñecemento das peculiaridades da USC que, ollo, non son privilexios, é a realidade. Temos máis patrimonio e un cadro de persoal máis veterano e custoso.

Infraestruturas

As prioridades para os próximos catro anos.

-A.L. A Universidade de Santiago non está incrementando alumnos nin persoal, e non vexo unha necesidade real de gañar metros cadrados. Hai que abordar proxectos, pero racionalizando o que temos sen incrementar espazos porque iso xera custe de funcionamento que ten unha repercusión importante nos orzamentos. Hai edificios cun nivel de uso baixo, e se non teñen interese para á Universidade habería que buscar fórmulas para poñelos en valor. Será difícil abordar novos proxectos con recursos propios, pero debemos ter claros eses obxectivos. Son unha prioridade a reunificación da Facultade de Medicina, Odontoloxía e Enfermaría en torno ao hospital, e a de Ciencias de Educación. E faremos un programa plurianual de reformas.

-J.V. Pensar en grandes edificios non ten sentido agora, aínda que hai necesidades. Seremos cautos no uso e na construción de novos espazos. Hai aspectos urbanísticos como a situación do Campus Vida que non son moi custosos e que habería que abordar. Estou de acordo con mellorar a situación de Enfermaría e Ciencias Educación, porque o estado é crítico.

a oferta académica

Novos grados, novos másteres. ¿E os de menor demanda?

-A.L. É o momento de facer balance tras adaptarnos a Europa. O número de alumnos é relevante, pero debemos matizar a aplicación deses criterios. Hai que ter en conta o valor formativo para a sociedade galega, e en base a isto flexibilizar o número de alumnos, facendo un xuízo de eficiencia. ¿É eficiente eliminar un grado? Haberá que poñelo sobre a mesa. Sobre os másteres, a nosa idea é ter unha oferta máis flexible e adaptativa, atentos ás demandas da sociedade.

-J.V. Hai que revisar, facer axustes e ter un acordo xeral con certas titulacións de referencia, complementando eses grados con outros máis atractivos. Debemos ter en conta a especialización e vixiar de preto os novos perfís que demanda a sociedade nesta era de novas tecnoloxías, ou explorar as potencialidades biosanitarias, que en parte pódense satisfacer cos másteres. E tamén penso que hai grados que sen chegar ao número mínimo de alumnos poden ser útiles. Suprimir un grado por ter 19 alumnos e non 21 pode significar desaproveitar recursos. No caso dos másteres ou o doutoramento pódese mellorar o seu atractivo coa docencia en inglés, que implicará a captación de alumnos internacionais. Sen esquecer a formación en liña, como fan as grandes universidades do mundo.

medicina

Acordo total. Na USC chega.

-J.V. É unha titulación que leva trescentos anos na Universidade de Santiago, con moitísima reputación e facendo moito ben ao sistema sanitario galego. Impártese nas mellores condicións, a calidade é moi alta e non vemos a necesidade de cambiar o seu estatus. Non hai datos que fagan albiscar outras necesidades nos próximos anos.

-A.L. Serei breve. Non hai razóns nin académicas nin económicas para falar de novas facultades de Medicina en Galicia. O que temos que facer é buscar máis recursos para mellorar a docencia, pero sen fórmulas estrañas.

-J.V. O que non quere dicir que haxa que incidir en fórmulas de colaboración interuniversitaria.