«O prioritario é que haxa socios e que colaboren»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

Encabeza a directiva que evitou a disolución da entidade e vai traballar para implicar aos mozos nas súas iniciativas

23 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Tras case un ano de inactividade, a Asociación de Empresarios de Padrón, Rois e Dodro retoma o pulso con nova xunta directiva, encabezada por primeira vez por unha muller, María Calvo Tarrío (Padrón, 1983), da firma Arenaria Coordinación, e quen encarna moi ben a «ilusión e gañas de traballar» do grupo.

-¿Que levou á xunta directiva a poñerse á fronte da asociación despois dun parón debido, precisamente, a falla de candidatos para xestionala?

-Evitar a súa disolución. A asociación leva moitos anos funcionando e non podiamos permitilo.

-¿Que é o prioritario?

-Organizarnos nós, a xunta directiva, para empezar a traballar pero, sobre todo, que haxa socios e actividades, que a xente colabore e que sexa consciente das vantaxes de estar asociados.

-Queren implicar á xuventude para garantir o relevo xeracional do comercio e empresa. ¿Teñen algo programado neste senso?

-Si, por unha parte gustaríanos ofrecer actividades encamiñadas a que os mozos coñecen máis o pequeno comercio local. E, por outra, queremos formar parte activa dos centros educativos da comarca para, por un lado, poder ter acceso a actividades formativas como charlas e, por outro, ser intermediarios entre os centros e as empresas da comarca, de cara a facilitar convenios como, por exemplo, para facer prácticas.

-¿Padrón segue a ser un referente comercial?

-Si, pola súa situación estratéxica da vila e pola bagaxe do mercado dominical. Pero, dalgunha forma, nos asentamos ou acomodamos e non soubemos adaptarnos aos grandes cambios, polo que fai falla unha renovación, promocionarse dalgunha maneira.

-¿O pequeno comercio da comarca resiste o tirón da crise?

-Non temos os datos de socios actualizados, pero os comercios que se manteñen son aqueles de toda a vida ou os que inician actividade e ofrecen algo distinto, novidoso; se resisten é por algo.

-¿Farán campaña para captar máis socios?

-Si, porque cantos máis sexamos mellor, tanto para o funcionamento da asociación como para o ben dos asociados.

-¿Xa recibiron demandas deles?

-Si, os asociados piden cursos de formación e o pequeno comercio iniciativas de campañas de promoción, como a de entroido. Tamén hai entidades externas, como bancos ou culturais, que se puxeron en contacto con nós para ofrecer descontos e vantaxes aos asociados.

-¿Que cursos piden?

-Escaparatismo ou uso de novas tecnoloxías, por exemplo, ademais de atención ao cliente, tanto trato ou servizo. No sector de hostalería, está o de manipulación de alimentos ou idiomas, como inglés.

-¿Que actividades teñen en marcha?

-A máis inmediata é o servizo de gardería para facilitar as compras, que comeza o sábado. Tamén estamos traballando co Concello para temas de turismo.

-¿Ser a primeira muller que preside a asociación ten un plus de responsabilidade?

-A responsabilidade é a mesma. Son a cabeza visible dun bo equipo, que penso que vai funcionar ben. As gañas de traballar e a iniciativa van na persoa.