«Onde comeza a vida», tributo melódico a Ardeiro desde Negreira

e. forján NEGREIRA / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Xosé Manuel Lago e Óscar Martínez, cantautores de Negreira.
Xosé Manuel Lago e Óscar Martínez, cantautores de Negreira.

23 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Quizais o finado poeta das terras do Val de Barcala Xosé Manuel López Ardeiro non imaxinou que os seus poemas serían musicados, algo que co paso do tempo cobrará se cabe aínda máis valor tendo en conta o legado deixado por Ardeiro, que cautiva incluso a aqueles que non o coñeceron persoalmente.

É o caso de Xosé Manuel Lago e Óscar Martínez, dous cantautores de Negreira con moitas inquedanzas que deron o primeiro paso no ano 2012 coa interpretación musicada dalgúns poemas de Ardeiro na homenaxe que se lle tributou no seu pobo, co gallo do quinto aniversario do seu pasamento o 21 de decembro do 2007, en Ferrol. Aquel paso levoulles a outro máis ambicioso, coa gravación dun disco de seis temas como tributo musical ao poeta barcalés.

Onde comeza a vida (Acordes para Ardeiro) é o titulo deste cedé gravado nos estudios Broño, de Negreira, que dirixe Cris Morquillas, quen acompaña a Lago e Óscar aos teclados no disco, sendo tamén a responsable da produción. «O máis complicado foi xuntar tempo para gravalo, porque empezamos en marzo e rematámolo en decembro do ano pasado», apunta Óscar, quen sinala que a adaptación foi doada nalgúns poemas, que na súa meirande parte falan de amor. «Moitos son sonetos, pero o máis complexo foi buscarlle unha melodía para podelos cantar». A Lago resultoulle unha experiencia moi gratificante, «porque cando entras no estudio sempre queres máis cousas no disco».

Soño con aprenderte, Ámote amor, Alén da nada, Renacemento, Demencia e Onde comeza a vida son as seis cancións deste cedé que foi presentado ao vivo no auditorio de Negreira o pasado 24 de xaneiro. Recentemente fíxerono en Santiago, na libraría Couceiro, e tamén no IES Xulián Magariños da vila barcalesa. O día 28 farano na Gentalha do Pichel, de novo en Compostela, e agardan seguir presentándoo con outros concertos nos que pretenden ampliar o repertorio musicando algún poema máis do propio Xosé Manuel López Ardeiro, pero tamén xa teñen avanzado algún da mesma Rosalía de Castro e de Celso Emilio Ferreiro.