Luar na Lubre recapitula os seus 25 anos de historia

Camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

A banda folk ofrecerá un concerto para presentar un disco antolóxico

16 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Luar na Lubre está recapitulando sobre os seus 25 anos de historia. Un triplo disco con deuvedé é o argumento da xira que o grupo folk iniciará a vindeira semana en Compostela e no que se repasan os principais feitos musicais da banda. Luar na Lubre actuará o vindeiro xoves no Teatro Principal de Santiago.

A intención da banda é demostrar ao público nunha cita toda a súa traxectoria musical, «un traballo de formigas» en definición do líder da agrupación Bieito Romero. Na presentación en Compostela do disco e do concertos de presentación, Romero sinalou que volver a ollada a vinte cinco anos de actividade supuña sensacións diferentes, «mirando cara adiante o que nos dá é moita forza para continuar». Entendendo a recompilación como un repaso, explica Bieito Romero que a sensación para o grupo é «de satisfacción polo traballo feito e pola traxectoria seguida».

Para o gaiteiro, cinco lustros de actividade teñen máis valor se miran desde a perspectiva de quen traballa no folk «utilizando a música de sempre, as cancións que forma parte dunha cultura». Explicou Romero que esa ligazón coa tradición sempre deixou lugar a que a banda «fixera a súa interpretación da cancións tradicionais».

Cancións chave

Pero aínda contando cos distintos discos editados ao longo dos anos, considera que a banda «escapou das fusións e das confusións» e mantivo un discurso coherente coa súa orixe e as súas intencións.

«Sons da lubre nas noites de luar» é o título do traballo que é centro da xira que se inicia o vindeiro xoves en Santiago. No triplo disco pódense escoitar algunhas das cancións chave na historia da banda, desde a mítica «O son do ar», que acadou audiencia internacional trala versión que Mike Oldfield realizou pouco despois de ser publicada no primeiro disco de Luar na Lubre.

O concerto de presentación do novo disco de Luar na Lubre forma parte do ciclo Íntimo & Acústico de Santiago.

Teatro Principal

O día 21 ás 21 horas. O prezo, 10 euros en venta anticipada e 12 o mesmo día.