A pirámide social

Por Camilo Franco (camilo.franco@lavoz.es)

SANTIAGO

Cineuropa é un catálogo das cousas que nos pasan...

22 nov 2012 . Actualizado a las 12:08 h.

CINE | Cineuropa

Se o tamaño fose importante a xente non deixaría de ir ao cine. Pero o único tamaño que importa agora é o das fortunas. É de dominio público que as fortunas prefiren sempre ser privadas. O cine, en cambio, debe ser un asunto público e un dos problemas de Cineuropa nesta edición é que, ao saír das funcións, a xente en lugar de preguntarche que tal a película pregunta que tal a vida. Preguntan con certa timidez, sondando, como antes facían para saber se aínda tiñas a mesma parella da última vez. Agora refírense ao traballo.

Cineuropa é un catálogo das cousas que nos pasan. Podes saír impresionado da película de Cimino e aínda pensar que o cruel da historia non é ese xeito de matarse senón que se cumpre o tópico de que sempre pagan os mesmos. En Heaven's Gate onde se di pagar pódese dicir palmar.

E podes saír dunha sesión do festival pensando na pirámide social e na vertixe imprescindible para darlle a volta á situación. Pero son as tres da madrugada e daste conta que se lle das a volta a esa pirámide que parece trófica os que quedarían máis preto do chan e terían menos caída serían os de arriba. Cimino tiña razón. E nós nin sequera temos uns Winchester de repetición. A repetición para nós consiste en asumir con paciencia todas as facturas.

En Cineuropa hai este ano uns animais mitolóxicos, os uros, que pasan por entre toneladas de abandono. Seica, se aprendemos do cine, hai que deixalos pasar e logo poñerse a ver se é certo que conseguimos librarnos, dunha vez para sempre, do cine oriental e desta especie de futuro de todo a cen que pretenden para nós aqueles que non se atreven a ir ao cine para non ter que admitir que menten mal e que sobran os motivos.

Teatro Principal

Días: Ata finais de mes

Horario: Das 16.00 as 23.00

Entradas: Proxeccións soltas 4 euros. Bono para dez sesións 30 euros.

MÚSICA: Kiko veneno | O ERE dos animais

Este Nadal haberá outra crise. Unha máis. Unha profunda que descolocará moitos fogares se é que non os fai entrar nunha guerra de posicións.

Haberá que reescribir as panxoliñas todas porque a maxima autoridade católica asegura que no Portal de Belén (que non é unha tenda de mobles do extrarradio) non houbo nunca nin boi nin burro. Que non estiveron alí e que, hai que deducir, non calmaron co seu calor animal os rigores invernais de Palestina. Sempre pensei que se Xesús era algo tería que ser xudeo, pero agora empezo a pensar que debía ser tirando a palestino e por iso decidiron quitarlle os animais que tiña.

Hai que recoñecer que os nacementos serán agora máis económicos que en anos anteriores porque non será necesario mercar os dous bichos. o problema está máis en saber que facemos con todos os que, a día de hoxe, permanecen gardados nas caixas ignorando que un golpe da historia deixounos sen traballo e sen os seus quince días de gloria por ano. O día que vaian currar alguén lles dirá que a empresa fixo un ERE parcial e que poden volver á caixa polo séculos dos séculos.

Pero aínda vai ser peor o que facemos con todos os versos dos que forzosamente hai que suprimir aos animais nas cancións navideñas. Como poñer pitidos é indecoroso e pouco organizado eu proporía que, aproveitando que anda por aquí, Kiko Veneno nos ofreza algunhas alternativas para eses versos. Con algo de sentido do humor, con visión de futuro e de maneira que non haxa que volver a botar a ninguén de ningún sitio. E moito menos dun chamizo tan ventilado.

Sala Capitol

Días: Venres, 23

Horario: 20.00

Entradas: 18 euros + gastos de distribución en anticipada. Día do concerto: 23 euros.

MICROTEATRO: A regadeira de adela | Máis federal que monárquico

Grazas a que non entendemos de macroeconomía pero estamos intensamente castigados por ela, comezamos a desconfiar de que as cousas que comecen por micro sexan importantes agás os micrófonos. E non estamos sendo realistas. Porque as vidas comúns, as de verdade, esas vidas nas que os ministros só existen como materia informativa, son bastante micro. E non para mal.

A pesar dos novelistas rusos e de como conseguiron tempo para escribir explotando camponeses presoviéticos a vida está construída con pequenos episodios que conecta pola forza dos feitos. É máis federalismo que monarquía.

Unha vida é unha unión temporal de empresas imposibles. Pero non ilusionarse: a nós tocounos ser reparto de base. Sen grandes historias, pero con historias importantes. Microhistorias.

A regadeira de adela

Días: Xoves e venres

Horario: De 20.30 a 22.00

Entradas: 3 pezas, 3 pases por tarde, 3 euros por pase. «O francotirador», «Happy End», «333».

MÚSICA: Wyoming | Da insolvencia á insubmisión

O grupo co que Wyoming anda de xira chámase Los Insolventes e a estas alturas insolventes somos todos. Só queda saber, para o goberno, se a insolvencia é por vocación ou por obriga. Son partidario de facer as cousas boas por vocación e en lugar de declararnos insolventes deberíanos declararnos insubmisos.

Porque nos van castigar igual.

Pub Sónar

Días: Sábado, 24

Horario: 22.30

Entradas: 17/20 euros

LETRAS: «Dez poemas por barba» | Malos tempos para a depilación da lírica

Os poetas sempre din que a poesía é outra cousa. Pero logo les e segue sendo poesía. Non se deciden a definilo máis para non decepcionar a medio mundo que espera que a resposta a que é a poesía é: poesía es ti. Poesía sodes vós cando vos pulen verso a verso as liñas da nómina ata deixala en números vermellos. Poesía sodes vós mentres vos cravan a fame de mañá na sanidade de hoxe. A ver se acabamos coas metáforas. A burbulla inmobiliaria foi unha metáfora con gotelé e que caro nos sae non chamarlle as cousas polo seu nome. Pero Aldao e Lado non se andan con chiquitas porque prefiren o trago longo. Desconfían da poesía maqueada doctoralmente e resolven o vello dilema de se hai lugar para a poesía despois dos bares. Grazas a elas sabemos que non.

Café el puente

Días: Sábado, 24

Horario: 22.30

Entradas: 4 euros