Hai cousas que non pasan

Camilo Franco (camilo.franco@lavoz.es)

SANTIAGO

cedida

O folk é desas cousas que non pasan. Porque sempre hai alguén que sabe que é o del...

23 ago 2012 . Actualizado a las 11:37 h.

Hai cousas que non pasan. E non me re?ro a Tom Jones. O exemplo de Jones podería ser utilizado calquera día por calquera ministro de garda para explicar que os 67 anos son unha idade de xubilación excesivamente temperá. Cousas de cantantes.

Hai cousas que non pasan aínda que se esquezan uns minutos que é o tempo en que contestamos a unha chamada de teléfono ou o que tardamos en escoitar nun informativo que nos acaban de subir os impostos nunha cantidade similar aos mil euros por ano. Tres minutos, máis ou menos.

Pasados os tres minutos de intensa dedicación a outras cousas volven as que non pasan para lembrarnos que, aínda que sexa exactamente mentira, a vida segue igual. Igual de mala. Pero o filósofo inesperado aseguraba que as cousas quedan e as xentes marchan. Nesa categoría non estou seguro que entrasen os dereitos de autor que, en realidade, son máis dereitos dos editores. Pero isto tamén pasa. Todos os días.

As cousas de toda a vida non pasan e, polo tanto, a música tradicional non pasa. Cambia pero non pasa. Queda a ilusión de que non cambia e de que sempre é a mesma. E quizais haxa tendencias que o intenten. Pero nada permanece igual tanto tempo. E aínda que así fose. Ninguén escoita a mesma canción dúas veces. A vida é desigualmente igualitaria. A música pode ser a mesma e ser distinta e o folk tamén. Se non sería outra cousa e só precisaría dunha etiqueta máis para subirse ao seu lugar na estantería.

A música tradicional galega non é como a música tradicional norteamericana, pese a confusión dos nomes. Porque o folk tivo tanto éxito como etiqueta que todo o mundo decidiu reclamalo e as palabras, como ben se aprecia en todos os boletíns oficiais, son moi deixadas levar. Déixanse querer e non lle piden a ninguén o dereito para ser usadas.

Pero co folk pasa como coa familia: aínda que haxa millóns delas, familia, familia non hai máis que unha. O folk igual. Hai moitos, pero para cada quen só conta o seu. Deste xeito cando se di folk todos sabemos perfectamente a que nos referimos. Ao noso.

Quizais por iso o folk é desas cousas que non pasan. Porque sempre hai alguén que sabe que é o del. E as cousas propias, como o patrimonio, hai que coidalas.

A Quintana

Días: Martes, 28

Horario: 19.00

Entradas: De balde

Pop: Los chavales | Música e vinilos

Houbo un tempo no que se aforraba un mes para comprar un disco. Un vinilo. Logo había que sacarlle proveito. Agora todo é moito mellor aínda que sexa só desde ese punto de vista. Los Chavales fan música que soa ao que soaban os vinilos. Ese sonido que agora parece encantador pero que despois da terceira escoita e da falta de delicadeza no trato se convertía nun muro. A vantaxe, agora como entón, é que mentres a melodía aguantase non había canción que fose mala.

Zona C

Días: Mañá

Horario: 21.00

Entradas: De balde

Circo: Os sete magníficos máis 1 | Tal como está o mundo

Praza das Praterías

Días: Martes, 28

Horario: 19.30

Entradas: De balde

Fai falta aprender a rir. Non porque non saibamos. Fai falta aprender a saber de que cousas temos que rir. Sería revolucionario (non mellor sentido da palabra, por se cren que hai outro) que aprendésemos a rir do que nos din que é intocable porque parar rir de algo non fai falta tocalo, só fai falta cambialo de perspectiva, colocalo no lugar que lle corresponde fronte o humor. Unha vez que cambias as cousas de sitio é moito máis fácil desfacerse delas.

Jazz: Coralie Yap Chine / Pablo Seoane | Música que sucede

Hai uns anos púxose de moda o asunto aquel dos duetos como reclamo comercial. Chegaba calquera, chamaba a Bono (ao irlandés, ao manchego era para outro tipo de consultas) e montaban unha canción na que xeralmente había un orquestra completa arroupando. Por iso só se entende que se chamen duetos se a clase obreira tampouco conta para a música.

Coralie Yap Chine e Pablo Seoane fan un dueto de verdade. Son dous e fan música os dous. Ela canta e el toca o piano. En realidade fan dúas voces e aproveitan o amplísimo e xeneroso catálogo que ofrece o jazz para dar de cada canción unha versión diferente. Algún día consideraremos ao jazz como unha música tradicional coa que podes facer como queiras. Porque o jazz non é, o jazz sucede.

A música do dúo vai máis alá da solista co acompañamento, que é outra versión comercial que tamén se dou cando vocalistas de renome necesitaban formatos máis pequenos porque xa non enchían os teatros. O diñeiro manda en todo. Para eles é unha confluencia de músicas que teñen como centro o jazz canónico pero que, como sucede co jazz, admite calquera outra música: da bossa nova á chanson francesa, incluída o que pase por alí e quede ben nese espazo do terraceo no que o mundo parece moito mellor do que é.

San Paio de Antealtares

Días: Hoxe

Horario: 21.00

Entradas: De balde