«Os estudos musicais deben potenciar a tradición da cidade»

Defende a ampliación do centro para ofrecer novas especialidades

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.
Fariña con Alejandra Escolante, Marta Fernández e María Hervás, tamén directivas. ÁLVARO BALLESTEROS

Miguel López Fariña inicia este mes un período de 4 anos como director do Conservatorio Profesional de Música da cidade. Exerce no centro desde o curso 2005-2006, o seguinte á inauguración. Antes foi docente de música durante dúas décadas no IES Rosalía de Castro. Tamén integra o grupo de música antiga Martin Codax, fundado en 1993, co que actuou recentemente en Londres, e antes en Berlín, Roma e outras prazas internacionais, para alén de na catedral de Compostela e outros espazos. Na dirección está acompañado de Alejandra Escolante, vicedirectora; Marta Fernández, xefa de estudos; e María Jesús Hervás como secretaria.

-¿En que situación se encontra o Conservatorio?

-É un centro que creceu moito e xa resulta pequeno. Temos máis de 500 alumnos e máis de 60 docentes e todos os anos quedan estudantes fóra por falta de prazas, non podemos atender toda a demanda. Este ano temos tamén xente en lista de espera.

-¿Por que acontece iso?

-É normal, porque no grao elemental admitimos alumnado desde os 8 anos e temos escolares de primaria, alén de secundaria, e da universidade que compaxinan estudos neses niveis cos musicais. Santiago ten un número elevado de centros de ensino, e tamén veñen da comarca. Por iso temos como unha aspiración central a ampliación das instalacións, e hai terreos para ampliar.

-¿Como inflúe esa dificultade de espazo para a actividade do Conservatorio?

-Non temos capacidade para máis docencia, cada recuncho do Conservatorio está aproveitado, mesmo utilizamos como aulas espazos non pensados para iso, como locais de seminarios do profesorado, ou en ocasións cabinas de estudo do alumnado. Fisicamente estamos ao límite, é unha realidade. Teño confianza que no futuro consigamos a ampliación, aínda que a situación actual sexa difícil.

-¿Con que argumentos pensa convencer aos representantes políticos para que invistan nesa ansiada ampliación?

-Estes estudos son importantes para Santiago, e deben potenciar a tradición musical da cidade. É unha tradición musical de moitos séculos, que temos que recoller e potenciar. Por iso tamén son importantes a Escola Municipal de Música e as de ámbito privado que existen en Santiago. O noso centro non se pode ver como algo pechado e excluinte; penso que é necesario que teñamos relacións e nos coñezamos todos. No Conservatorio Profesional queremos ser un motor dinamizador da música da cidade, afianzar a nosa posición, medrar máis; e para iso precisamos espazo.

-Hai anos o centro solicitou a Educación novas especialidades de órgano e corda pulsada. ¿Continúa ese interese?

-Ofrecer máis especialidades e ter un departamento de música antiga, que responda a ese patrimonio musical da cidade, é unha aspiración. Agora non temos posibilidade, pola falta de espazo. Pensamos que Compostela debía ter ese departamento. E tamén potenciar a música contemporánea, porque sen perder o pasado temos que traballar para o futuro.

-¿Solucionaron os problemas de falta de persoal non docente?

-Non. Reivindicaremos a ampliación de persoal administrativo e de conserxería. Polas tardes, para atender a unhas 500 persoas, unha soa persoa na conserxería é escasa, pois o centro abre pola mañá e continuamente até as 22 horas, de luns a venres. En secretaría hai unha funcionaria para atender a documentación do centro e de 7 máis adscritos, algúns con moito alumnado como o Conservatorio Histórico, o de Ribeira, de Noia e o colexio Peleteiro. En épocas como esta, de matrícula, esa persoa está desbordada.

-¿Que perspectivas ven no alumnado do Conservatorio?

-Do alumnado que finaliza o grao profesional, unha porcentaxe importante continúa estudos superiores de música, en Vigo e na Coruña, e outros centros superiores como Madrid, Barcelona, Zaragoza ou Porto. Como docentes estamos satisfeitos desta situación, porque saen con formación suficiente para entrar en calquera conservatorio.

-¿Ve interesante que haxa unha Anpa?

-Si, e esperamos potenciar a Anpa nesta nova etapa.

-¿Responde a cidade ás expectativas do centro?

-Este é un centro que pouco a pouco se tenta abrir á cidade. Penso que xa estamos presentes, aínda que precisamos afianzar máis a relación, é unha tarefa que hai que ir pouco a pouco. Facemos actividades no Auditorio, no Principal, na Igrexa da Universidade, no CGAC, no Hospital Clínico, no Centro de Hostalería... pretendemos identificar a cidade e o Conservatorio. Os centros de ensino deben dar proxección da cidade para o exterior, porque a educación é un elemento fundamental.

-Teñen varias formacións e coros...

-Si, e queremos abrir máis o noso auditorio, que os cidadáns se acheguen aquí, pois durante o ano temos cousas moi interesantes. Queremos estar presentes na programación musical de Santiago, ser unha referencia máis onde os composteláns podan vir escoitar música.