«Se alguén quere ver un pacto co PP é por interese propio»

O substituto de Xaquín García na alcaldía do BNG nega un acordo pola gobernabilidade que non lle garanten os seus

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Se os seis edís do PP de Arzúa son de palabra, José Luis García Lopez seguirá sendo alcalde malia a expoñerse a unha moción de censura logo de perder a cuestión de confianza á que vinculou a aprobación do orzamento. O rexedor do BNG conta co respaldo explícito dos populares para seguir ao fronte dun goberno en minoría no que os concelleiros Leonardo Bermúdez e Ignacio García Couso rompen a unidade do grupo nacionalista.

-Atopou mellores compañeiros de viaxe na oposición que no seu propio equipo, con dous edís que o acusan de ter acordado un pacto secreto co PP.

-Somos trece concelleiros, cada un coa súa ideoloxía e personalidade. Se algún quere ver cousas onde non as hai por interese propio é o seu problema. Teño tres moi boas compañeiras de viaxe e co resto tentarei que me acompañen antepoñendo os intereses do noso concello.

-¿Rexeita entón as voces que din que a cuestión de confianza foi un mero trámite?

-Só teño dúas posibilidades de someter as contas a unha cuestión de confianza durante o mandato. Sería moi pouco intelixente desperdiciar unha por mero trámite. Non podo adiviñar as intencións de voto de cada concelleiro. Fíxeno para desbloquear unha situación.

-Unha situación excepcional porque é neses casos cando se vincula un orzamento a unha cuestión de confianza. ¿Son insalvables as diferenzas dentro do seu goberno?

-Empezo a pensar que si. Dende o primeiro momento non houbo interese ningún por parte destes dous concelleiros para que a este goberno lle saíran ben as cousas. Un non pode dicir que está por facilitar as cousas cando ao pouco tempo de formar goberno deixaron as concellerías de Participación Veciñal e Facenda. Tampouco se está por facilitar labor ningunha cando dende a propia asemblea local do partido se intentou tirar abaixo un consello local que non leva dous meses funcionando.

-A asemblea á que se refire tamén acordou abrir negociacións co PSdeG para chegar a un acordo que permitise aprobar o presuposto, algo ao que estaban dispostos os socialistas sempre que se excluíse ao PP. ¿Por qué rexeitou esa proposta?

-O PSdeG non puxo como condición deixar de lado ao PP, foi a propia reunión de militantes; prefiro chamarlle así porque non foron convocados todos os militantes, entre eles eu. O resto do equipo de goberno e o Consello Local non entendemos esa postura posto que noutras épocas si se chegaron a acordos co PP como cando se pactou no 2004 unha prórroga de vinte anos na xestión do servizo da auga. Ademais, nos anos que fun concelleiro de Cultura, nunca se levaron este tipo de cuestións a unha asemblea e menos a unha reunión de militantes.

-Os seus dous edís críticos son unha expresión máis da situación política do BNG. A división nacional e a local, ¿son causa e consecuencia?

-A situación aquí non ten nada que ver con problemas entre diferentes correntes.

-Entón, ¿cal é a orixe da crise interna do BNG en Arzúa porque o acontecido cos orzamentos non é máis que o último capítulo dunha serie de desencontros?

-Un dos bandos intégrano o irmán do ex alcalde e o que foi tenente de alcalde nos oito anos de goberno anterior. Os problemas empezaron ás dúas semanas de negarme a ter como asesor ao anterior alcalde.

José Luis García López rexedor de Arzúa

«Os problemas empezaron ao non querer contratar como asesor ao anterior rexedor»

O rexedor no pleno. x. A. Soler
Saber más...