Colas de estudantes á primeira hora da mañá á porta dunha biblioteca. Palabras maiores na sala de lectura por un posto que leva moito tempo desocupado. Xiras polos centros da Universidade para atopar unha mesa na que sentarse a estudar... Son imaxes que se repiten nas bibliotecas da Universidade coa chegada dos exames, especialmente naquelas que contan con horario extraordinario: a Concepción Arenal e a de Económicas en Santiago e a Intercentros en Lugo. E é que tan só hai un posto de lectura destas características -é dicir, dispoñible os sete días da semana e ata as tres da madrugada- por cada nove estudantes da Universidade, incluíndo aos de grao, licenciatura, máster, formación continua e cursos de especialización, un total de 27.533 estudantes. Pouco se reduce a cociente no caso de centrarse só nos matriculados en grao e licenciatura (24.474): hai un posto de lectura con horario extraordinario por cada oito alumnos.
En total, a Universidade puxo a disposición dos estudantes ata entrado o mes de xullo 2.886 postos de lectura con horario ampliado. No campus de Santiago hai 1.271, (348 en Económicas aos que se suman outros 23 na hemeroteca máis 900 na Concepción Arenal) mentres que 1.615 sitúanse na biblioteca Intercentros do campus lucense.
Son, segundo os propios alumnos, a todas locen insuficientes. Para protestar contra a carencia de postos de biblioteca -que se agrava os fins de semana ao pechar as facultades e concentrar a todos os estudantes só en tres centros- un numeroso grupo de alumnos, ao redor de 200, xa cumpriu unha semana encerrados na Facultade de Historia, na que tomaron varias aulas -falan dun total de oito- para dispor dun espazo de estudo as 24 horas, ademais de protestas contra a subida das taxas universitarias.
Estes días, presentaron un escrito no Reitorado onde reclaman a posta a disposición dos estudantes dun milleiro máis de postos de lectura nas bibliotecas con horario ampliado. Arguméntano aclarando que o seu peche en Historia está a supor ás arcas da Universidade un gasto semellante ao de abrir unha biblioteca as 24 horas «pero está nunha situación de alegalidade dañina tanto para a USC como para nós».
2.886
Prazas de estudo
A USC ten case 3.000 prazas con horario ampliado
27.583
Estudantes
Inclúese toda a oferta da USC excepto o IV Ciclo
9,5
Cociente
Por cada praza con horario ampliado hai 9,5 alumnos