Intercambio de libros, música e cine centran os actos das Letras Galegas

e. araújo / e. forján SANTIAGO / NEGREIRA

SANTIAGO

Asociacións e concellos comparten a organización dos programas culturais institucionales a prol da lingua

14 may 2012 . Actualizado a las 20:17 h.

A inminente celebración do Día das Letras Galegas fai que as axendas culturais do entorno de Santiago estean cheas de actividades en defensa da lingua galega ou tamén a prol da lectura en calquera idioma ou soportes.

O Concello cunha programación máis novidosa é o de Brión, que mañá mesmo fará unha solta de libros, coincidindo na data coa súa Feira do Libro, que chega á súa edición número vintedous e que inclúe actividades ata fin de mes.

E para aqueles lectores que non queiran ir detrás dos libros, teñen a posibilidade de participar nun banco de libros, organizado pola biblioteca como un intercambio para compartir con outros veciños os textos que máis lle gustasen. O único que teñen que facer é pasarse pola biblioteca brionesa e apuntarse.

Outro concello do máis activo é o de Santa Comba, coa Semana das Letras Galegas, que inclúe cinco actividades para todos os públicos e das que dúas están incluídas no programa de dinamización lingüística FalaRedes, que tamén viaxa ata Vedra e Arzúa.

E en Negreira, a Casa da Cultura acollerá o venres 18 ás 21 horas a presentación da novela As rapazas de Xan, un melodrama escrito por Manuel Igresias Turnes, natural de Cabanas (A Baña), e quen foi o primeiro presidente da Asociación cultural Afonso Eanes.

A organización de concursos de literatura é un dos campos que máis se sementa co gallo do Día das Letras Galegas. Este é o caso do Concello de Vedra, que organiza un de literatura infantil e xuvenil para o que o prazo de presentación de traballos remata o luns, deixando para o mesmo día 17 a entrega de premios para dar continuidade a outra sesión do ciclo Galego de Cine, do programa FalaRedes, e no que poderán participar rapaces elixidos entre os mellores traballos do concurso literario.

A opción musical é a aposta de concellos como o de Teo, que tamén organiza un acto coa lectura, a modo de manifesto, do texto Sementeira, de Cuevillas. Rapaces do obradoiro municipal de guitarra e Xoán Curiel interpretarán Quen puidera namorala, de Cunqueiro. A programación terá continuidade co grupo de canto Aleceia sobre textos de Curros Enríquez, Afonso X, Martín Códax e Castelao. E así ata completar seis actuacións nas que participan entidades de Teo, que o xoves estarán a partir das 18.30 no auditorio do centro cultural da Ramallosa.