«Estamos moi desamparados, tería que estar máis vixiado»

La Voz

SANTIAGO

05 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A «actividade terrible» que hai vinte anos tiña a praza de Cervantes deixou paso agora a unha excesiva tranquilidade, que só se ve interrompida polos peregrinos e estudantes que cada día atravesan o casco histórico e ultimamente polos roubos que se están a dar na zona.

Aínda abraiado polo caso do Open Algalia -que atracaron dúas veces na última semana- José Cepeda chancea con que «a nós aínda non nos tocou» pero a súa cara expresa a preocupación. «Estamos desesperados», aclara, para despois engadir que «estamos moi desamparados, esta zona tería que estar máis vixiada». De feito, pensa que «tela máis controlada non debera ser moi difícil».

Teñen pasado épocas duras, como cando o seu pai recortaba os cupóns das cartillas de racionamento na posguerra para dar «un cuarto de litro de aceite ou un cuarto de quilo de azucre ou de garavanzos, pero eu aínda era moi cativo cando aquelo». Pero o maior cambio aínda está por vir. Os seus dous fillos seguiron camiños distintos ao seu. Unha ten unha clínica no mesmo edificio no que está o ultramarinos e o pequeno é profesor. Cepeda acábase. ¿Ou non?

Ofertas de compra

«Teño 68 anos, xa podo xubilarme cando queira, pero mentres poida seguir aquí seguirei». Mentres, xa hai xente interesada en facerse cun negocio que foi capeando todos os temporais. «Xa hai xente interesada en mercalo», aclara Cepeda, que recibiu ofertas polo seu ultramarinos hai xa tres anos. Cambiará de mans, é moi posible, pero a lembranza da súa esencia permanecerá.