Os hostaleiros de Santiago premiarán relatos en galego

O concurso abriuse onte ao mediodía e aceptará traballos ata outubro


santiago / la voz

O concurso de microrrelatos Microcomphostalería deu comezo onte na rede social de Facebook. O portavoz dos hostaleiros de Compostela, Aser Álvarez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentaron esta iniciativa que busca promocionar o galego no sector. Álvarez comentou que a «hostalaría en Santiago sempre se caracterizou por empregar o galego». Pola súa parte, Anxo Lorenzo destacou que a consellería considera esencial «colaborar coas entidades dos sectores máis relevantes para colocar a lingua galega dentro dun marco de normalidade».

Unha das motivacións do acto tamén era o 800 aniversario da catedral. Nese tema, o colectivo dos hostaleiros está levando a cabo unha campaña de captación de fondos entre os seus asociados para revertilos na conservación do templo e tamén proxectar este ano sinalado. Relacionado con este aniversario, a asociación ten prevista unha visita guiada pola cidade para xornalistas de países que teñen conexión áerea directa con Lavacolla.

Para participar no concurso hai que facerse fan da Asociación de Hostelería Compostela en Facebook e logo unirse ao concurso. Tras iso só hai que postear o relato no muro. Cada relato non pode sobrepasar os oitocentos caracteres, e terá que estar relacionado co 800 aniversario da consagración da catedral. Os dez textos que reciban máis «gústame» pasarán á fase final, na que o xurado escollerá os tres mellores.

Votación
1 votos
Etiquetas
Anxo Lorenzo