«Galicia considérase micófoba, pero agora as cousas están a cambiar»


santiago/la voz. 24/10/2010 02:00 h

Vinte anos leva José María Costa estudando os cogomelos e di que agora é cando comeza «a aprender algo». Entre o venres e onte deu un curso de iniciación á micoloxía a 130 composteláns legos na materia.

-¿Cales son as mellores zonas para apañar cogomelos en Compostela?

-Santiago é unha área bastante rica, aínda que non hai moito bosque autóctono. As áreas fluviais como Chaián e o Xirimbao son moi boas. Ademais está a máis emblemática, que é o Pedroso, pero está xa moi pisoteada.

-No País Vasco hai moita tradición de recollida de cogomelos. ¿Aquí non?

-No País Vasco hai moita tradición, pero Cataluña é aínda máis micófila. En Galicia considérannos micófobos, e sempre asociamos con animais negativos moitos nomes de cogomelos, como o pan do raposo, pan do sapo, pan de cobra... De todos os xeitos, co maior fluxo intercultural e de comunicación e os fungos cultivados esta situación está en proceso de revisión.

-¿Con este curso de iniciación xa se pode ir apañar cogomelos só?

-Non o recomendo. O seminario non era tanto para aprender a distinguir os fungos comestibles dos que non como para entender o mundo dos cogomelos, pautas de comportamento e de recolección, para facer perder o medo. Este inicio de temporada hai xa 20 intoxicados por amanita phalloides, que é mortal. Nunca unha persoa cunha guía vai ser unha experta.

Votación
1 votos