«Temos que crear unha sociedade ben formada»

O curso de formación continua da Rede de Literatura Infantil e Xuvenil analizará a poesía neste século


05/09/2009 02:00 h

Un ano máis, a Rede temática de Literatura Infantil e Xuvenil da USC e, neste ano, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), poñen en marcha o sexto curso de formación continua As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora , no que se abordará, a partir do luns, A poesía infantil no século XXI . Paralelamente ao curso, o martes e mércores reunirase no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP) a Rede Temática de Investigación As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), que coordina a profesora Blanca-Ana Roig, directora do proxecto Informes de Literatura que anualmente dá as novas da produción e recepción de e sobre literatura galega.

-¿Que é o máis salientable de este curso dedicado á poesía infantil do século XXI?

-O primeiro día haberá un recital poético no que intervirán poetas galegos, un poeta portugués e un poeta vasco. Desde o ano pasado a rede de investigación ampliámola ao ámbito iberoamericano, e temos representantes de México, Brasil, Costa Rica, Arxentina e Colombia. Este ano vai haber unha panorámica da poesía brasileira e virá a profesora Laura Guerrero da Universidade Iberoamericana de México. Durante o curso faranse talleres e haberá encontros con poetas. Tamén haberá un taller de reelaboración de regueifas e farase un informe sobre docencia e investigación no 2008/2009.

-¿Abordar un tema como o da poesía cando corren os peores tempos para a lírica que un recorde, non é descorazonador?

-Os investigadores e profesionais mediadores temos que abordar a cuestión con gran ilusión porque a poesía é fundamental para a formación dun futuro lector. Polo tanto, é algo que nós temos que seguir apoiando, e pase o que pase na sociedade temos que tirar para diante e crear unha sociedade libre, civil e ben formada.

-Como profesora e investigadora, ¿cales son para vostede os factores que contribúen a esta mala conxuntura poética?

-Creo que un dos factores é a falta de formación do mediador, que non lee o suficiente e entón é difícil transmitir. Porque si non transmites con ánimo, espírito e credibilidade é difícil establecer o hábito lector dun neno, a pesar de que hai tantos medios. Entón, creo que falta investigación para que a formación estea máis asentada e que o mediador poda elixir mellor as obras.

-¿De que mediadores fala?

-Dos mestres, dos pais, dos bibliotecarios, a xente que intervén entre o libro e o neno.

-¿Os «mass media» están ao marxe?

-Fan o seu papel de promoción, pero deberían promocionar máis e mellor.

-Vexo que, por fin, abren as portas académicas aos regueifeiros.

-Xa se introduciron noutras actividades, e son un medio de achegar aos nenos a palabra poética. Despois iso, con forma literaria e elementos estilísticos se converte nunha poesía máis.

Votación
0 votos