Os avogados de Santiago defenden o dereito a usar o galego na vida pública e privada


01/05/2008 02:00 h

En relación coa polémica suscitada nas últimas semanas polo uso do galego nos tribunais de Xustiza, e facendo propias as declaracións emitidas no seu día polo conxunto da avogacía compostelá, a Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Santiago quere recordar que os profesionais da demarcación «avogamos polo dereito a usar a lingua propia de Galicia na vida pública e privada». Asemade, apostan por unir esforzos con todos os operadores xurídicos que actúan no ámbito da Xustiza co fin de acadar «a normalización efectiva da nosa lingua».

Os letrados de Santiago de Compostela defenden tamén a eliminación de todos os obstáculos «que impiden o uso libre do galego no exercicio profesional», ao tempo que rexeitan «expresa e rotundamente toda actividade ou actitude que trate de utilizar este dereito como arma xurídica».

O comunicado do Colexio de Avogados que preside Evaristo Nogueira Pol remata apostando por contribuír «ao prestixio e ao enriquecemento do galego xurídico asumindo de noso ese reto».

O Colexio de Avogados de Santiago ofrece o seu apoio e solidariedade a todos aqueles operadores xurídicos que vexan menoscabados os anteriores propósitos». Neste senso, consideran especialmente correcta a actuación da maxistrada Ana López-Suevos Fraguela, ao tempo que solicitan «unha condena rotunda contra todos aqueles que pretendan alterar os obxectivos enunciados».

Votación
21 votos