«O galego corre risco de desaparecer»

Texto: MARIO BERAMENDI Foto: SANDRA ALONSO

SANTIAGO

Isabel Kaerdudo, mestra bretona e traductora

27 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai conversas nas que as verbas fican suspendidas no ar, coma o groso fume dun cigarro. A vida de Isabel Kaerdudo é difícil de esquecer. Chegou da Bretaña francesa hai oito anos e quedou prendada de Galicia e de Santiago, onde vive dende entón. Traballa como profesora de francés e traductora e ten unha nena, pequerrechiña, de vintecatro meses. Isabel é, dalgún xeito, a embaixadora bretona en Compostela e unha valedora da nosa cultura na súa terra de orixe. Pero non ten despacho nen cargo. Ela móvese no tecido asociativo, a súa grande inquedanza. Ó carón da súa mesa, esta muller fala de vagar. Que fermoso é andar a parola. Pola mañá, cedo, Isabel abre a porta da súa casa, na rúa das Cancelas. Un piso noviño e luminoso, moi feito. -Vive lonxe... -Os pisos andan polas nubes e eiquí son máis baratos. -¿Como é que descubriu Galicia? -Eu estudie Hispánicas e antes de chegar, no 93, xa coñecía cousas. Pero despois fiquei namorada. -¿Francesa ou bretona? -Eu recibín unha educación francesa. Crieime na escola laica e pública dese país. Pero falo e bailo bretón. A maioría da xente, alá, cando lle fan unha pregunta sobre a identidade di que se sente bretona e francesa. -Aquí exerce de galega, mellor dito, de nacionalista... -Claro, este é un país, cunha identidade cultural, cun patrimonio, cun idioma. Eu enfoquei a miña vida eiquí cun compromiso social e língüístico. E quero que a miña filla, que ten dous anos, sexa educada en galego. -¿Como anda de saúde o idioma? -Mal. Estáse a perder. Cada vez hai menos falantes, sobre todo na xente moza. Esta é a lingua na que máis cartos públicos se invisten e que peores resultados se obteñen. Se esto segue así, o galego corre o risco de desaparecer. E é unha pena que se perda algo tan importante como o idioma. -¿Non cre no bilingüismo? -Nas persoas si, pero nos países non. Ogallá moita xente utilizara os dous idiomas indistintamente. Pero non é así. Por eso as estadísticas ofrecen eses datos tan negativos. -¿Cal é a para vostede a solución? ¿Non é a xente reacia ás imposicións? -Non se trata de obrigar. Cada un pode facer o que quere, faltaría máis. O problema é de educación social, de reivindica-las cousas propias. Semella as veces que non hai un interese. E postos a falar de impoñer, tamén habería que recordar que ós galegos, no seu día, non se lles preguntou se querían falar en español. -Vostede reivindica cousas que a moitos galegos lle resultan indiferentes. ¿Non se sente unha «rara avis»? -En absoluto. É unha cuestión de personalidade, de compromiso en base a una forma de entede-lo mundo. -¿E levou un bo susto co ascenso de Jean Le Pen en Francia? -Quedei sorprendida. Ninguén esperaba isto. Pero todo ten a súa explicación. Moita dispersión no voto da esquerda e unha elevada abstención. En Francia non hai un movemento de extrema dereita forte. -Antes falaba do compromiso lingüístico e asociativo con Galicia. ¿En que colectivos está? -Cando cheguei eiquí, chamoume moito a atención que había un tecido asociativo moi forte, moi dinámico. Pareceume interesante ese traballo. Eu son unha das fundadoras da asociación Mamoa. -¿E a que se dedica? -Somos un grupo en favor da lactancia materna, das nais que carecen de suficientes apoios e teñen dúbidas. É un colectivo importante, xa estamos a funcionar en varias localidades de Galicia. -¿Que denuncian? -Moitas cousas. Por exemplo, a multinacional Nestlé fai campañas publicitarias de leite en pó nos países de África onde non hai auga potable e onde morre moita xente. Eso non é presentable. -¿E que problemas ve en Galicia? -Falta unha política que defenda a situación de desmantelamento dos sectores productivos básicos, como a agricultura e a pesca. Estánse a perder miles e miles de empregos cada ano e a Xunta non fai absolutamente nada. ¿Cales son as alternativas para toda esa xente? -Unha curiosidade. ¿Que recorda no seu primeiro día en Compostela? -Chamoume moito a atención o casco vello, a pedra. Pareceume unha cidade engaiolante. E vivo en Santiago dende entón, moi feliz. -¿Qué corrixiría? -Coido que a zona monumental estáse a converter nun lugar demasiado turístico, sobre todo na oferta dos locais. O comercio está moi enfocado ó souvenir, cando debería ser ó revés. Á xente lle gustan cousas autóctonas, sen necesidade de ofrecerlles productos fabricadas en Taiwan.