«Confío no PXOM para salvar o litoral»

Marcos Gago Otero
marcos gago VILABOA / LA VOZ

VILABOA

O alcalde de Vilaboa confía en que o PXOM marque o futuro urbanístico nos próximos 10 anos.
O alcalde de Vilaboa confía en que o PXOM marque o futuro urbanístico nos próximos 10 anos. ramón leiro

O goberno local volverá librar a batalla polos núcleos costeiros unha vez que entre en vigor o plan de urbanismo

11 may 2016 . Actualizado a las 05:35 h.

Este Concello entra agora na última etapa do PXOM e o martes o alcalde levou personalmente o documento a Santiago.

-¿Que significa para Vilaboa ter un Plan de Urbanismo en vigor?

-En principio, o ter en vigor un planeamento é unha ferramenta importantísima para o desenrolo do concello en si. Explícome. Nun momento determinado nós estamos coas normas subsidiarias do ano 88 que teñen as súas limitacións loxicamente. Teñen cousas moi boas, pero outras que non están actualizadas. Os plans xerais fanse co ánimo de facer unha mellor ordenación do territorio e no sentido de que se poidan facer vivendas unifamiliares, ou se poidan construír outro tempo de vivendas, porque aquí no solo urbano van constar de baixo, dous plantas e baixocuberta. O plan permitirá que haxa solo industrial e logo que existan outros tipos de solos como os rústicos de protección de cultivos, forestal e demais. Por tanto, e en definitiva, para os vilaboeses é moi importante ter esta ferramenta pola cal poidamos guiarnos. Un PXOM non é unha ferramenta perfecta, pero sirve para axudar a medrar o noso pobo.

-¿Por que tardou tanto?

-Vou a ser autocrítico e dígoo porque levo no Concello desde 1999 e desde entón transcorreron moitos anos. Ata o 2002 que era o último ano do primeiro mandato non se comezou coa tramitación do PXOM. Os políticos de Vilaboa, entre os que me inclúo, influímos en que isto tardara tanto. Todos os plans tardan décadas, non só Vilaboa, pero é certo que teríamos que ter chegado a acordos moito antes. Tamén teño que dicir que en todos estes anos houbo máis dunha ducia de decretos e leis que interferiron en negativo porque estaba feito un traballo e o equipo redactor cada vez que entraba en vigor unha norma nova tiña que facer outra vez todo o traballo. Foi un camiño moi longo.

-¿Cal é o cronograma marcado?

-Imos falar moi en positivo, e é que en principio nós, para non ter que adaptar o plan á nova Lei do Solo levámolo a pleno antes de que entrase a lei porque nos podía prexudicar en tempo e nos aspectos técnicos do propio plan. Iso unha. Levámolo o martes á Xunta e a Administración autonómica ten tres meses para contestalo. Supoño que si nos contestaran en setembro daríamonos cun canto nos dentes. Se ao informe deste documento non lle poñen moitas trabas, é unha cuestión de recoller esa comunicación ou alegacións, e o equipo redactor poñerse a traballar no documento definitivo. Eu, dígoo con moita cautela, creo que a finais de ano poderíamos levalo á aprobación definitiva. E sendo moi positivo, porque a Administración non sempre contesta en tres meses, ou podería buscarlle máis problemas dos que pensamos. Nembargantes, cremos que os cambios serán os mínimos.

-Un dos problemas principais son os núcleos de litoral, ¿co PXOM é posible reabrir a loita polos núcleos ou xa a desbotan?

-Temos unha ilusión tremenda e tamén argumentos aínda que non está en papeis. Falo das construcións, das casas e núcleos existentes antes da lei de Costas. É unha das grandes batallas que en principio a perdemos coa Administración central e a perdemos despois de facer un traballo arduo con respecto aos núcleos de litoral para demostrar ben a consolidación ou ben dispoñer dos servizos no 88. Nese traballo o demostramos que todas as vivendas tiñan a súa fosa séptica e rede de abastecemento veciñal, pero todo iso non valeu ante Costas. Fixemos outro traballo exhaustivo sobre a consolidación dos núcleos e conseguimos o 66 % que pedían, pero en Madrid non valeu tampouco. Ese resultado nos desanimou moito, pero sempre nos dixeron desde a Xunta que en base á disposición transitoria terceira do regulamento da Lei de Costas hai unha posibilidades despois de aprobar o PXOM e nesa solución, que espero que sexa sincera, seria e ao 100 %, confío, porque senón o plan quedaría coxo, moi coxo, porque no litoral temos un problema grave. Hai que recordar que as construcións son de vivendas anteriores ao 88 e en núcleos que se crearon nos anos 50, 60 ou 70 do século pasado.

josé luis poceiro alcalde de vilaboa (PSOE)

«Dígoo con cautela: creo que a finais de ano poderíamos levalo á aprobación definitiva»

«Nós temos para facer turismo de terra, mar e aire»

Situada no fondo da ría de Vigo e a cabalo entre Pontevedra e a cidade olívica, Vilaboa ten un importante potencial turístico ambiental.

-Os lugares con encanto en Vilaboa son moitos, o lago de Castiñeiras, Cotorredondo e as salinas, por citar algúns. ¿Como explotar eses espazos?

-Vostede mesmo o di. Vilaboa ten de todo. As salinas, por exemplo, están sendo visitadas por milleiros de persoas e habería que darlle máis auxe, poñelas máis en valor, pero excede a nosa capacidade económica para facerse cunhas vellas vivendas e construír un centro de interpretación. Nós temos Castiñeiras, e rutas de sendeirismo preciosas con muíños. O problema máis grave que temos é o mantemento, que é moi custoso, pero o tema do turismo é fantástico. Nós dispoñemos de terra, mar e aire, porque ata por aire podemos facer algo. Nós estamos neste momentos co futuro do mirador de Cotorredondo, coa comunidade de montes de Santa Cristina, que son os donos, para intentar que no verán estea todos os días aberta. E estamos a ver se a fundación do lago de Castiñeiras vai para adiante.

-Outro tema que está moi de moda, un concello como Vilaboa, ¿aposta por fusións ou por participar en iniciativas puntuais con outros concellos?

-Eu das fusións non estou nin a favor nin en contra, pero se deben facer non cun mínimo, senón con un máximo de garantías e facendo un estudo exhaustivo dos concellos que se queiran fusionar e se a fusión é mellor para os veciños. Se se lle plantexa aos veciños, sobre os custos ao mellor é posible facelo ou que digan que si pero nós en ningún momento nolo planteamos aquí. Agora eu tampouco me meterei nunca en que dous concellos amigos fagan o que crean oportuno. Non estamos no tempo de facer tonterías, de que a min o partido me diga unha cousa ou outro lle diga outra. O de fusionarse é moi serio, son palabras maiores.