«Puxemos o Vilalonga en órbita. É para estar moi orgullosos»

SANXENXO

MARTINA MISER

O ourensán analiza os porqués da campaña de quen foi sinalado pola categoría coma equipo revelación da Terceira División

19 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha sondaxe entre os 20 adestradores do grupo galego da Terceira e outros tantos xogadores da Liga vén de sinalar o Vilalonga como equipo revelación da categoría, e o seu adestrador coma segundo mellor técnico da mesma. Antonio Fernández (Ourense, 29 de xaneiro de 1978) analiza os porqués. Tras o título da Preferente cunha marca brutal de puntos, 87, no seu segundo curso completo nun banquiño Antonio foi quen de levar o Vilalonga á oitava praza con 59 puntos, e de construír cun plantel de Preferente unha das propostas máis consistentes da Terceira.

-Elixido equipo revelación da Liga. É de imaxinar que compartirá a opinión dos seus colegas...

-Puxemos o Vilalonga en órbita. É para estar moi orgullosos da campaña que fixemos. É un premio ao traballo, ao traballo dun ano dos xogadores e do meu corpo técnico; algunha culpa ten a directiva. Inda queda a Copa. Pero o máis importante é que o Vilalonga siga en Terceira. E conseguíuse con creces. Creo que fixemos unha tempada bastante completa. Conseguimos na primeira volta 29 puntos, e despois mira se fumos regulares que na segunda volta fixemos un punto máis, 30, para chegar a 59. A clasificación que tivemos é merecida.

-¿Cal foi o segredo do Vilalonga?

-¿Segredo? Eee... A ver como o explico. Seguir confiando no traballo que se fixo o ano anterior, darlle continuidade. A confianza tanto da directiva como dos xogadores no corpo técnico é cega. Os resultados tamén mandaban, loxicamente. Non tivemos ningún tipo de dúbida. Soubemos convivir e levar situacións complexas, con xogadores que non estaban contentos co club en decembro, buscándose recambios que nos proporcionaron moitas cousas, coma o caso de Varo. A predisposición ao traballo dos xogadores, e a súa ambición. Rematamos gañando os últimos tres partidos. Un ano redondo. Un ano para gozar.

-E a título individual, segundo adestrador máis votado na enquisa de La Voz entre os seus homólogos da categoría e un xogador por equipo. ¿A que lle sabe iso?

-Eu cando votei, votei en consecuencia, sendo obxectivo. Se todos o fixeron así, ten un valor. Non deixa de ser unha enquisa, pero é para estar moi contento. Ves reflectido o teu traballo. É para estar moi orgulloso. En todo caso, detrás hai un grupo de traballo. Cando renovei no Vilalonga unha das miñas máximas inquedanzas era formar un equipo técnico cualificado. Non quero esquecer a ninguén, Mario, o preparador físico, César, o segundo adestrador e coordinador das categorías inferiores do Vilalonga, César Pazos, o adestrador de porteiros, e Irimia, readaptadora e fisioterapeuta.

-Quédalles a Copa Deputación, e erguela esixe gañar catro partidos en dúas semanas. ¿O equipo porálle a guinda ao pastel?

-Hai que ser cautos, como fago sempre. O partido máis importante que temos é o do sábado co San Martín. De non gañar estaremos de vacacións. Está claro que é un torneo que nos gusta, e non se nos dá mal. Nos dous últimos anos chegamos a unha final e a unha semifinal.

-E despois, ¿que? O club segue na procura de novo presidente...

-Polo momento non falaron comigo. Mentres non haxa unha cabeza visible entendo que o proxecto está parado. No momento en que apareza alguén para coller o club, non sei que pasará. A incerteza é grande. Eu o que teño que facer é o meu traballo ata finais de mes, e tentar seguir axudándolle ao club.