«Fixen a primeira guía de Sanxenxo»

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

LUZ CONDE

Entrou no Concello aos 16 anos e a base de traballo e esforzo convertiuse nunha figura clave da promoción da vila

30 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Criouse a dez metros do Concello e xa de rapaz se encargaba de encher o porrón da auga que usaban os funcionarios cando tiñan sede. Para Victoriano Otero, o Concello foi unha parte tan natural da súa vida, como para os turistas é pasear e bañarse en Silgar.

-¿Como se sinte ao ser galardoado coa Cebola de ouro?

-Como para todo sanxenxino, é un gran honor, e no meu caso, máis, porque fun un dos xestores destes premios e compoñente do xurado. Estiven en todos os eventos dos inicios da festa, en primeira fila en toda a década dos 80, ata 1990 cando o deixei.

-¿Como se xestou esta festa?

-No 1982, conseguín por fin que a comisión de festas reservara unha pequena cantidade para o primeiro libro de festas. A intención de facer o libro era dar a coñecer detalles da historia sanxenxina. Eu fun o autor e colaborei con artigos costumistas, sobre Sanxenxo, sobre a súa xente. Atopei un texto de Lucas Labrada, onde dicía que desde Sanxenxo saían barcos cargados de cebolas e outros produtos a outros portos como Ferrol. No mesmo artigo facía mención de que os da illa de Ons o día de santa Rosalía viñan todos, e falamos ao mellor de 50 ou 60 dornas, víñanse a aprovisionar de cebolas a Sanxenxo., que era un exportador de produtos porque pola bonanza do noso clima adiantábase un mes á outra parte da ría. E entón desde a comisión de festas e do Concello se dixo, ¿por que non facemos unha celebración gastronómica con ela? E así comezou.

-Vostede estivo moitos anos traballando no Concello de Sanxenxo, ¿cando empezou?

-Eu empecei con 16 anos, e estaba prohibido na Administración entrar antes dos 21 anos, que era a maioría de idade. Eu estiven 54 anos no Concello, desde que entrei ata que me xubilei no 2012. Empecei de ordenanza, con 16 anos, e fun gañando e opositando, a auxiliar, a administrativo e a técnico da Administración xeral que é a categoría na que me xubilei. Desde 1979 era eu a persoa que tiña a responsabilidade da secretaría accidental do Concello, ata a miña xubilación.

-Traballou para doce alcaldes. ¿que recorda deles?

-Cando eu entrei no Concello en 1958 o orzamento municipal eran 750.000 pesetas, ou sexa, non chegaba a seis mil euros. E de aí había que pagar o persoal, alumeado, alugueres dos locais escolares. Hai unha evolución social no país, desde os anos sesenta cando empezaron anos de expansión, porque Sanxenxo era unha aldeíña e agora non o é. Eu cuns alcaldes tiven máis sintonía que con outros, pero sempre mostrei lealdade á institución e traballei codo a codo con todos. Con uns máis a gusto que con outros, iso é evidente, pero non houbo ningún alcalde que tivera queixa de min no leal asesoramento e no traballo.

-Falemos deses alcaldes, dos que xa faleceron, hai algún que recorde de forma especial?

-Dos falecidos, dous. Ramón Guisasola, que para min foi o gran alcalde de Sanxenxo, porque o foi no franquismo e tamén na democracia. Sei moi ben o esforzo deste home, o seu desinterese, a súa entrega e o respeto e tiña unhas cualidades humanas para min fora de serie. E tamén no termo persoal, Leopoldo González, porque xogábamos xuntos ao fútbol e éramos máis ou menos da mesma idade. Tiñamos esa sintonía que nos daba, pois, a paisanaxe.

-¿É certo que nunca colleu unha baixa?

-É certo, tería algún que outro constipado, pero non recordo ter unha baixa nin por enfermidade nin por ningunha outra cousa.

-Fálenos da súa faceta como investigador.

-Eu son o autor da primeira guía turística de Sanxenxo en 1991 e tamén do libro Albores de Sanxenxo, con fotografías antigas. Fixen monografías da historia de Dorrón e de Aios, por exemplo. E tamén fun o autor do traballo de realización dos símbolos heráldicos de Sanxenxo. O escudo e a bandeira son creación miña. Tamén fun o creador de toda a campaña do despegue turístico de Sanxenxo, de todos os pósteres, e todas as publicacións e cuestións turísticas, porque mos encomendaron a min. Tiven a promoción de Sanxenxo nos momentos clave e unha vez que despegou xa me sentín liberado desa responsabilidade.