«A burocracia é case máis difícil de salvar que unha tormenta no mar»

SANXENXO

RAMON LEIRO

O aventureiro sanxenxino recupera forzas para o seu próximo periplo

28 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Acabado de chegar a Sanxenxo para recuperar forzas e pasar as festas de decembre en familia, Suso Leiro, o navegante de Portonovo, mantén a súa intención dunha gran aventura, que o leve a bordear o Ártico por Canadá.

-Na viaxe que rematou, vostede cruzou en solitario o Atlántico de Cabo Verde ao Caribe, ¿como foi?

-Foi unha experiencia durísima, máis do que parece, porque este foi un ano de moitos temporais no Atlántico, e moitísimo calor no Caribe.

-¿Cantos días lle levou atravesar o océano?

-Vintedous días, desde Cabo Verde, en África, á illa de Guadalupe, en América.

-¿Como continuará a aventura?

-Para a ruta quero ir subindo Norteamérica, pero depende das condicións meteorolóxicas, e de como vai o vento e as mareas. Quero ir tirando por Bahamas, Cuba ou Miami. Un problema é a burocracia porque é case máis difícil de salvar que as tormentas. Quero ir ata Saint Pierre et Miquelon, e logo subir por Canadá e seguir polo Ártico, e saír polo estreito de Bering por Alaska. Despois, se o consigo, xa se verá como regreso polo Pacífico.

-¿Que tal está respondendo o seu barco, o «Finesse»?

-Respondeu fenomenal, aínda que ten un fallo eléctrico no arranque, que pasa por veces. Xa din un percorrido por todo, pero non o conseguín atopar. Cando chegue teño que buscalo e desmontar o motor. É un dos fallos máis difíciles de encontrar.

-Nesta viaxe tivo máis dun susto con mercantes.

-No Atlántico podes pasar moitos días que non ves un so barco, porque o océano é moi grande. Hai algún punto no que hai un nu, polo que pasan os barcos que van ao sur e tamén os que van ao norte a Europa, e hai puntos que son perigosos. Eu levaba o radar sempre, pero hai veces que estás medio adurmiñado. Un día saltaron as alarmas do radar e encontreime dous mercantes, un por babor e outro por estribor. Eles tamén poñen o automático porque non é normal que haxa veleiros por alí.

-¿Como se leva a soidade?

-Eu estou acostumado. Sei que teño que pasar por iso, e é moito máis duro porque no mar non descansas. Hai veces que pensas que podes, e entón venche unha tormenta de auga, por una depresión tropical. Nun deses momentos ao navegar para Guadalupe rompeume a driza e quedeime ser poder despregar o foque e naveguei coas dúas maiores so. E outras veces cando queres descansar saltábache a alarma. Tamén estaban os problemas que causaba o sargazo, que é unha alga que se mete pola toma de auga e tapónache o conduto e hai que retirala. Foi duro porque traballar con temperaturas de 36 ou 40 grados no mar é insoportable.

-Doulle tempo a ler algún libro con tanto tempo no mar.

-Non tes tempo para nada, se mirase o diario de a bordo quedaría vostede asombrado. Tes o tempo para poder ferver algo de leite, ou comer paté, latas ou galletas. Non podes cociñar porque vente o mar do Atlántico e aínda que non esteas no temporal, as ondas seguen a vir de costado e non tes sosego. Leo, pero cartas náuticas e os mapas.

suso leiro navegante de portonovo