«A dereita galeguista apoiou aos militares do Golpe de Estado»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

emilio moldes

Rodríguez Núñez presenta o seu novo libro «Galleguismo, tradicionalismo y Segunda República»

07 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Con «Galleguismo, tradicionalismos y Segunda República», o avogado Álvaro Rodríguez pecha unha triloxía que iniciou con «La legitimación política del franquismo. De la II República a la instauración de la democracia en España».

-¿Que se vai atopar o lector no seu novo libro?

-Unha visión do proceso político da Segunda República innovadora ou, polo menos, diferente ao que está divulgado. Non digo estudado, que si o está. É a visión que tiñan os galeguistas de dereitas do 36 e porque a dereita galeguista apoiou aos militares que deron o Golpe de Estado.

-¿Como eran aqueles galeguistas de dereitas?

-Un sector importante deles optou por apoiar o Golpe de Estado porque para eles había tres elementos que eran básicos. A defensa da fe católica; o antimarxismo, consideraban que existía unha ameaza marxista; e eran esencialmente conservadores no social. Non hai que perder de vista que estamos no 36, non no século XXI. E no 36 en Alemania estaba Hitler; en Italia, Mussolini; no Vaticano, Pío XII; en Estados Unidos había apartheid; e Stalin estaba na Unión Soviética. En España, o Partido Socialista estaba dividido en tres correntes e a dereita estaba influída polo feixismo. Ninguén naquel momento pensaba que a ditadura ía a durar corenta anos. Foi unha anomalía en Europa.

-¿E que ocurriu con estes galeguistas?

-Na obra céntrome principalmente na figura de Vicente Risco, pero é certo que experimentaron diferentes traxectorias. Tivo unha carreira intelectual moi brillante e recoñecida, mentres que outros adicaronse a levar unha vida comercial, como Manuel Beiras García. E outros, como Filgueira Valverde, un dos fundadores do Partido Galeguista, acabou sendo procurador en Cortes e alcalde de Pontevedra, ao tempo que desenvolveu unha importante actividade no ámbito cultural. Álvaro Cunqueiro seguiu defendendo o galego coa súa obra e Otero Pedraio mantivo a súa liña intelectual.

-Antes comentaba que este ámbito si ben é algo que está estudado, non así divulgado.

-Posiblemente se debe a que a Guerra Civil aínda segue levantando polémica e hai certos elementos que non se dan asimilado. Creo que é o momento de, dunha forma académica, empezar a explicar o que ocurriu e eu so pretendo dar un enfoque. Os Partido Galeguista viuse atrapado no conflito bélico. Evidentemente os grandes dirixentes galeguistas non eran marxistas. Nin Castelao o era, nin tampouco Bóveda. O Partido Galeguista podería considerarse como liberal de centro, pero optaron por ir na coalición do Frente Popular para intentar acadar o Estatuto de Autonomía. Unha parte do galeguismo separouse ante esta disxuntiva e está foi a traxedia do galeguismo na Segunda República.