«Os nenos preguntan por que Castelao debuxou tantos cegos»

Carmen García de Burgos PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

RAMON LEIRO

O roteiro que guía Roberto Rivas dende hai unha década percorre a figura do intelectual e a historia da cidade

23 may 2017 . Actualizado a las 16:13 h.

Roberto Rivas (Barro, 1971) asegura que é capaz de falar durante horas de Castelao. Leva dez anos facéndoo, e quédanlle moitos máis.

-¿Cal era o recuncho favorito de Castelao?

-Supoño que el lle tería moito cariño a todo arredor da Ferrería porque é onde pasou moitas horas no seu traballo, onde fixo un proxecto para reubicar a súa fonte na actual ubicación da praza de Ourense, e fixo tamén un proxecto para San Francisco. Debíase sentir moi identificado coa zona, pero hai pegadas del por toda a cidade

-¿Coñecen xa todos os nenos a Castelao?

-A maioría si, xa traen o roteiro preparado. Hai algún grupo que non, pero a maioría teñen unhas nocións de Castelao, coñecen a súa obra e sorpréndelles moito ver no Museo os seus debuxos.

-¿Cal diría que é o momento álxido da visita?

-Supoño que o final, na praza de Santa María, cando por fin ven a estatua de Castelao. E rematan a visita na que non só falas de Castelao, falas tamén da historia da cidade. Aproveitas para falar da Pontevedra da Idade Media e a Idade Moderna. Penso que é o culmen.

-¿Que é o que máis lles chama a atención de todo?

-Hai cousas curiosas, como cando lles dis que os cruceiros da praza da Leña e o das Cinco Rúas non son orixinais de aí, que viñeron máis tarde, e eles hoxe se dan conta de que son as pezas máis vendidas turisticamente da cidade. Ou mesmo cando lles preguntas se Pontevedra ten mar e lles explicas toda a relación que Pontevedra tivo co mar, e que eles agora xa non perciben.

-Isto levou un traballo de investigación profundo pola súa banda. ¿A vostede que foi o que máis lle sorprendeu descubrir de Castelao?

-O que máis che sorprende é saber que era un home polifacético, poderíamos dicir que era un ilustrado, pegáballe a todo. Era debuxante, escritor, político, estaba na coral polifónica, facía escenografías para a coral, para as súas obras de teatro.... Era unha persoa moi implicada na vida cultural, social e política da cidade.

-De toda a visita, ¿con que quedan os nenos, que é o que non van esquecer?

-Quédalles claro que é un artista polifacético e multitarefa, que diríamos hoxe (ri). E sorpréndelles entrar no Sexto, na sala Castelao, e ver a súa obra tan de preto, os debuxos que tantas veces viron nos libros, e a explicación que alí facemos. E sempre che fan a mesma pregunta: ¿por que Castelao ten tantos debuxos de cegos, por qué hai tantos na exposición?

-¿E por que é?

-Sabemos que cando morreu estaba case cego, pero sempre tivo moitos problemas de visión, e el identificábase moito cos cegos tanto pola súa dificultade como polo traballo dos cegos, repartindo cultura nos anos nos que andaban polas feiras cantando romances.